O BNG apoia á veciñanza de Nadela ante o intento de peche do centro de saúde

LugoXa
O BNG trasladará ao Parlamento a situación da veciñanza de Nadela e das outras parroquias atendidas neste centro
reunión_bng_nadela
reunión_bng_nadela
6 Xul 2024

O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, acompañado pola deputada no Parlamento Galego Montserrat Valcárcel, mantiveron unha xuntanza coa veciñanza de Nadela ante un novo intento da Xunta de pechar o Centro de Saúde co comezo da temporada de verán. Arroxo afirmou que "é preciso que a Xunta manteña o servizo de atención primaria neste Centro de Saúde que atende a máis de 700 persoas".

Para o portavoz do BNG, "a Xunta en vez de aportar solucións está a forzar á veciñanza a facer desprazamentos innecesarios a outro centro de saúde, en moitos casos, persoas maiores e con problemas de mobilidade". Non prestar un servizo esencial como é a atención primaria redduce “a calidade do noso sistema sanitario". O BNG apoiou ás veciñas e veciños de Nadela desde o inicio das súas mobilización en reclamación dun servizo de atención primaria digno.

"Ano tras ano as veciñas e veciños de Nadela chegan ao verán sen saber se volverán contar con atención no seu centro de Saúde ou se a Xunta do PP vai deixar de prestar atención sanitaria ás máis de 700 persoas usuarias deste centro", afirmou Rubén Arroxo. O BNG trasladará ao Parlamento a situación da veciñanza de Nadela e das outras parroquias atendidas neste centro.

"A poboación non pode decidir que día enferma", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "a atención primaria é o punto de entrada da veciñanza no sistema sanitario, un par clave para o sistema, que na actualidade está pasando por unha situación límite debido á precarización do servizo por parte da Xunta". O BNG critica que a Xunta de Galiza pretenda pechar o centro "nun proceso de desmantelamento da sanidade pública", e defende o dereito da veciñanza a poder asistir ao seu médico cando o precise.

0.18967986106873