O BNG apoia as mobilizacións da veciñanza contra o proxecto da fábrica de metano de Coeses

LugoXa
O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha situación alternativa
concentacion-vecinos-fabrica-metano-coeses
Concentración de veciños de Coeses contra o proxecto da fábrica
11 Xuño 2024

O portavoz do BNG e tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o BNG colaborará coa veciñanza afectada polo proxecto de construción dunha fábrica de Metano en Coeses, que actualmente se atopa en exposición pública e en prazo de alegacións. Arroxo explicou que "o pasado luns reunímonos coa veciñanza afectada para amosar o noso apoio e colaborar coas distintas accións que leven adiante as veciñas e veciños dos núcleos afectados". Na xuntanza o portavoz do BNG estivo acompañado polo concelleiro Alexandre Penas, e puideron conversar cos representantes de distintas asociacións veciñais das zonas afectadas.

O BNG trasladará ao Parlamento Galego e ás distintas institucións onde ten representación a problemática trasladada polas veciñas e veciños "ante un proxecto que producirá ruídos, cheiros e que pode ter influencia na calidade da auga da zona", afirmou Arroxo, que engadiu "colaboraremos tamén axudando a presentar alegacións ao proxecto para que as veciñas e veciños poidan amosar o seu rexeitamento a esta plana".

O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha situación alternativa "que non afecte a ningún núcleo de poboación". A Xunta de Galiza declarou o proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, o que leva a simplificación de trámites administrativos, "mais o que debe ser prioritario é garantir que as veciñas e veciños da contorna non vexan minguada a súa calidade de vida por esta planta", afirmou Rubén Arroxo.

0.19465303421021