O BNG arrancou a campaña electoral en San Cibrao, apoiando aos traballadores
O BNG arrancou a campaña electoral en San Cibrao, "capital da loita obreira galega e da loita pola industria deste país", afirmou a candidata nacionalista ao Parlamento galego por Lugo, Olalla Rodil, referíndose as mobilizacións que os traballadores e a veciñanza mariñá manteñen contra o Ere de Alcoa.
Acompañada por todas as mariñas e mariñáns que forman parte da candidatura nacionalista á camara galega Dani Castro, Miriam Bermúdez, Diego Fernández, Marco López e Andrea Martins, Rodil asegurou que "o BNG non vai deixar caer a fábrica de aluminio"."Non imos permitir que se destrúa un só posto de traballo nin que se paralice a produción de aluminio no país. A industria é un sector estratéxico. Galiza ten que facerse valer e defender o mantemento dos postos de traballo. A nosa posición é clara. É necesario, urxente e legal nacionalizar a empresa a través dunha intervención pública conxunta da Xunta e do Goberno do Estado", sostivo.
"Se o BNG lidera o cambio político neste país a partir do 12 de xullo, o primeiro que fará o BNG é poñer enriba da esa unha participación pública para salvar os postos de traballo e a produción industrial en San Cibrao", compremeteu. "Isto non vai do futuro de ningunha multinacional, de ningunha empresa, se non do futuro de milleiros de familias, da Mariña e do futuro industrial de Galiza", afirmou Rodil.
"A situación na que nos atopamos é responsabilidade das forzas políticas estatais", dixo Olalla Rodil para argumentar que "o que fai falta é abrir un novo ciclo político, liderado por unha forza como o BNG, coas mans libres para defender sempre e en calquera lugar os intereses de Galiza”.
O número dous da candidatura, o ribadense Dani Castro, tamén sinalou a responsabilidade da Xunta do Partido Popular e do goberno do Estado de PSOE e Podemos da situacion dos traballadores de Alcoa e fixo fincapé no abandono da comarca por parte das administracións.“A alguén lle parece normal que o presidente da Xunta se negue a achegarse a unha comarca que está sufrindo un dos barapaus máis fortes da súa historia? A alguén lle parece normal que Feijoó non teña nin unha pouca de dignidade para falar cos traballadores dunha empresa que supón o 30% do PIB da provincia de Lugo? En que cabeza cabe?”, preguntou o candidato ribadense. “En ningunha, e é que esta é a enésima proba de que non importamos, de que lle damos igual até ao partido que goberna este país”, concluíu Castro quen lembrou os todos os peches industriais que se produciron na última década na Mariña.
Fronte a esta realidade, Castro avalou a alternativa dun BNG que “cre nas potencialidades do país e da Mariña e que pode ofrecer un futuro á mocidade”. “Hai que votar BNG para acabar co espolio enerxético, hai que votar BNG para facer valer o noso sector pesqueiro e hai que votar o BNG, entre moitas outras cousas, para que Alcoa, o motor da Mariña, non leve consigo o traballo de moitos mariñaos e mariñás. Quedan 2 semanas para botar a Feijóo do goberno.Queda traballo, pero ímolo conseguir. Imos iniciar esa Mariña con futuro, imos iniciar un nova Galiza!”, arengou o mariñao na Casa da Cultura de San Cibrao, cun gran interés por parte da veciñanza para escoitar aos candidatos nacionalistas ao Parlamento galego.