O BNG asegura que a restauración da Ponte Romana estaba planificada para este verán

O BNG de Lugo sinalou que a reparación definitiva das pilastras e dos tallamares da Ponte Romana formaba parte da planificación de actuacións elaborada pola Concellería de Infraestruturas do anterior Goberno municipal, que prevía executar a intervención durante este verán tras introducir modificacións no proxecto inicial co obxectivo de garantir que os traballos se realizasen co máximo coidado tanto da ponte como da súa contorna natural, segundo explicou o edil Alexandre Penas.
Tras as crecidas do río Miño e os danos provocados polo arrastre de árbores e materiais, o Goberno municipal encargara un informe técnico especializado que concluía que a restauración definitiva debía acometerse no momento no que se desen as condicións máis axeitadas para desenvolver uns traballos de elevada complexidade técnica.
Segundo sinalou Penas, no anterior mandato actuouse con responsabilidade mediante unha intervención de urxencia destinada a frear a degradación da estrutura, ao tempo que se deixou planificada a restauración definitiva para este verán, en consonancia coas recomendacións dos informes técnicos.
O edil nacionalista lembrou que a Ponte Romana é un dos principais elementos patrimoniais da cidade de Lugo, cun alto nivel de protección ao formar parte do Camiño de Santiago, estar declarada Ben de Interese Cultural e situarse nun espazo integrado na Rede Natura 2000.
A conservación da Ponte Romana, afirmou, require planificación, rigor técnico e continuidade no traballo institucional, motivo polo que, segundo indicou, se deixaron preparados os pasos necesarios para executar a actuación no momento máis axeitado desde o punto de vista construtivo e ambiental.
Desde o BNG de Lugo subliñan que a protección do patrimonio histórico foi unha prioridade durante a súa etapa no Goberno municipal e reiteran a necesidade de continuar impulsando actuacións que garantan o bo estado dun dos símbolos máis representativos da cidade.