O BNG avanza na elaboración da súa candidatura para as eleccións municipais de 2027 en Lugo
O BNG de Lugo continúa avanzando no proceso de elaboración da candidatura coa que concorrerá ás eleccións municipais de 2027. A organización celebrou unha primeira asemblea local na que a militancia puido formular propostas para configurar a lista electoral, seguindo así o calendario de traballo establecido pola formación.
O responsábel local do BNG, Antón Bao, destacou o carácter participativo do proceso e asegurou que a organización busca "dar a voz a toda a militancia". Neste sentido, puxo en valor o "marcado carácter democrático" do BNG, no que, segundo sinalou, "todas as cuestións importantes son escollidas pola militancia".
Esta asemblea dá continuidade ao proceso iniciado coa elección de Rubén Arroxo como candidato á Alcaldía de Lugo. Nesa mesma fase, o BNG marcou como obxectivo recuperar un goberno municipal de progreso liderado pola formación nacionalista, nun escenario que a organización considera favorable para acadar ese propósito.
Arroxo reivindicou o traballo desenvolvido polo BNG durante os últimos sete anos no Goberno local e asegurou que foron "7 anos dun goberno de dignidade, de seriedade e de moito traballo". O candidato destacou tamén as transformacións que, segundo afirmou, se levaron a cabo na cidade durante ese período.
Sobre a actual situación municipal, Arroxo criticou a xestión do Goberno do PP e cualificou estes primeiros meses de mandato como unha etapa de "parálise". Segundo o candidato nacionalista, os proxectos que avanzaron son principalmente os que xa estaban deseñados polo anterior executivo.
O BNG sinala que continuará co proceso interno para completar a súa candidatura ás eleccións de 2027 e que manterá o traballo municipal co obxectivo, segundo Arroxo, de "mellorar a cidade e o día a día das veciñas e veciños", desde a idea de que "Lugo merece máis".