O BNG chama a encher o auditorio Fuxan os Ventos nun acto con Ana Pontón e Olalla Rodil

LugoXa
A cita será o mércores 18 ás 20:00 horas e contará tamén coa participación de Rubén Arroxo e Brenda González para mobilizar o apoio á formación de cara ás eleccións xerais do 29 de novembro
BNG Lugo eleccions Fuxan os Ventos
16 Nov 2026

O BNG convoca a veciñanza de Lugo a participar no seu acto central de campaña na cidade, que terá lugar o vindeiro mércores 18, ás 20:00 horas, no auditorio Fuxan os Ventos. O encontro contará coa presenza da cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Olalla Rodil; a portavoz nacional, Ana Pontón; o portavoz local, Rubén Arroxo, e a número un da candidatura ao Senado, Brenda González.

A convocatoria busca mobilizar o apoio á formación de cara ás eleccións xerais do 29 de novembro e reivindicar unha voz propia e forte para Lugo en Madrid. Rodil animou a cidadanía a asistir e asegurou que "o BNG é a única formación que ten opcións de sacarlle un deputado ao PP en Lugo, estamos a pelexar polo cuarto deputado da provincia".

A candidata defendeu a necesidade de que a provincia conte con representación nacionalista no Congreso para "darlle a volta á situación e deixar de ser o territorio cos salarios máis baixos do Estado e as segundas pensións máis baixas de Galiza". O acto servirá tamén para reivindicar que "todas as galegas e galegos temos dereito a unha vida digna".

Previamente, Rodil mantivo un encontro coas concelleiras e concelleiros do BNG en Lugo, no que abordaron as prioridades da campaña e a necesidade de situar no centro da acción política as demandas reais da poboación. A formación aposta por impulsar medidas que permitan corrixir os déficits estruturais da provincia, mellorar os servizos e garantir unhas condicións de vida dignas, especialmente nun contexto no que os baixos salarios e as pensións dificultan chegar a fin de mes a moitas familias.

0.21832394599915