O BNG cifra en seis millóns de euros o aumento do gasto corrente que deberá asumir o Concello de Lugo en 2027

LugoXa
Rubén Arroxo cuestionará na comisión de Economía como prevé o Goberno municipal cadrar as contas ante o incremento dos capítulos 1 e 2 do orzamento
Rubén-Arroxo-BNG-Lugo
3 Sep 2026

O BNG preguntará na vindeira comisión de Economía do Concello de Lugo como prevé o Goberno municipal afrontar o incremento do gasto corrente de cara ao orzamento de 2027. Os nacionalistas estiman que a suba podería situarse en preto de seis millóns de euros, entre o aumento previsto nos capítulos 1 e 2 das contas municipais.

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, sinalou que a alcaldesa, Elena Candia, realizou diversos anuncios que implicarán un incremento do gasto corrente. Segundo explicou, trátase de partidas estruturais do orzamento que deben ser cubertas cos ingresos municipais, sen que se poida recorrer ao endebedamento para facer fronte a elas.

No capítulo 2, correspondente aos gastos en bens correntes e servizos, o BNG prevé un incremento de arredor de catro millóns de euros. Nesta partida inclúense distintos contratos municipais que deberán ser renovados e que poderán incrementar o seu custo pola actualización dos prezos, ademais doutras subas xa anunciadas en contratos actualmente existentes.

Os nacionalistas tamén apuntan ao incremento do prezo da enerxía como outro dos factores que deberán ser contemplados nas contas municipais de 2027. A maiores, calculan que o capítulo 1, destinado aos gastos de persoal, experimentará unha suba aproximada de dous millóns de euros.

"O PP improvisa a xestión económica municipal", afirmou Rubén Arroxo, que tamén lembrou a decisión do Goberno popular de retirar un millón de euros do remanente para destinalo ao gasto en festas.

O portavoz do BNG considera que esa cantidade podería ter servido para "paliar parcialmente" o incremento das taxas que, segundo sinalou, o Goberno municipal terá que aprobar para cumprir coa lexislación en materia orzamentaria.

Así, o BNG levará á comisión de Economía a cuestión sobre como pretende o Goberno de Elena Candia compensar o aumento do gasto corrente e cadrar as contas municipais para o exercicio 2027.

0.1491219997406