O BNG condena na Deputación a moción de censura do PP en Lugo apoiada na edil tránsfuga

O grupo provincial do BNG expresou no pleno da Deputación a súa rotunda condena á moción de censura presentada polo Partido Popular no Concello de Lugo co apoio da edil tránsfuga María Reigosa.
Durante a sesión, o deputado provincial e vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, cargou con dureza contra a actuación da líder popular en Lugo, Elena Candia, e do Partido Popular, asegurando que “sobrepasaron todos os límites da moralidade e da decencia”.
Castro cuestionou que se aproveitase a situación interna do grupo municipal socialista para impulsar a operación política e criticou tamén a actitude de quen, segundo sinalou, renunciou aos seus ideais para facilitar a chegada ao poder.
O representante nacionalista afirmou que o debate de fondo reside en determinar se en política vale todo para alcanzar o goberno. Neste sentido, sostivo que a sociedade lucense, tanto da cidade como da provincia, non acepta actuacións baseadas na inmoralidade nin que se pase por riba do resultado saído das urnas e da vontade popular.
Así mesmo, advertiu de que esa decisión suporá unha carga política permanente para Elena Candia e para todas as persoas que respalden a moción de censura.
Estas declaracións producíronse durante o debate dunha moción de urxencia aprobada cos votos do goberno provincial.
O texto aprobado reclama a retirada inmediata da moción de censura presentada no Concello de Lugo e expresa a condena da Deputación de Lugo a calquera práctica de transfuguismo ou operación política orientada a modificar maiorías institucionais á marxe do voto da cidadanía.