O BNG considera tardías e insuficientes as axudas anunciadas pola Xunta para afectados pola EHE

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O PP di que “PSOE e BNG negan un trato igualitario para os lucenses ao votar en contra de repartir 21M€ extra no Plan Deputación e na mellora de estradas
efren-e-iria-bng-deputacion
25 sep 2024

O deputado provincial e vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro calificou como "tardío" e "pírrico" o anuncio de axudas a ganderías afectadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizóotica (EHE) feito este luns pola tarde pola Xunta de Galiza, argumentando que “as axudas non se convocarán ata novembro cando as gandarías levan desde 2023 reclamándoas” e que "son inferiores as doutras comunidades"

O deputado nacionalista lembrou que outras comunidades tramitaron axudas xa en 2023 "Extremadura, 7 millóns de euros, Asturias, 3 millóns de euros, e Castela e León, 6 millóns de euros, e Galicia, 196.000 euros". "No propio anuncio de onte están recoñecendo que o de 2023 era unha miseria" e as axudas que propoñen agora cun investimento de recursos propios de só 2,6 millóns de euros e "20 euros por animal para gastos en accións preventivas, tampouco chega", remarcou o deputado que incidiu en que a Xunta de Galiza "só move ficha pola presión e pola mobilización dos gandeiros" e "polo traballo do BNG nas institucións e nas comarcas".

O vicepresidente da Deputación fixo esta valoración durante o debate dunha moción do BNG que reclama á Xunta de Galiza medidas urxentes na loita das ganderías de vacún contra a EHE que foi aprobada por unanimidade e na que, ademais do financiamento da vacinación e a indemnización polos gastos e as perdas derivadas da enfermidade, se demanda ao goberno galego un plan preventivo e de detección de cara á vindeira anualidade baseado nun estudo rigoroso da súa incidencia previa.

Rexeitamento do “taxazo” de Sogama

O BNG tamén amosou no pleno o rexeitamento á suba do canon que Sogama -empresa semipública participada pola Xunta e Naturgy-, cobra aos concellos polo tratamento do lixo, que suporá un incremento do 60% en menos dun ano.

A deputada Iria Castro criticou a suba “unilateral, abusiva e desproporcionada” dun canon co que a Xunta de Galiza quere cargar sobre as veciñas e os veciños dos concellos o custo dunha “xestión nefasta” e do empeño nun modelo de tratamento de residuos custoso a antiecolóxico como o da incineración.

"O que temos que facer é abrir un debate sobre os residuos e introducir cambios na xestión para avanzar na recollida separada, a reutilización e a reciclaxe", propuxo a deputada durante o debate dunha moción do BNG que reclama un xiro na política de residuos da Xunta e a creación dunha comisión de traballo -con representantes de Sogama, da Xunta e da Fegamp- para determinar as condicións do canon para 2025 antes da aprobación do Proxecto de Orzamento e que foi aprobada con votos de BNG e PSdG.

AS RECLAMACIÓNS DO PARTIDO POPULAR

Os deputados do Grupo Provincial Popular denuncian “a ditadura” de PSOE e BNG á fronte da Deputación de Lugo tras ver como socialistas e nacionalistas se negaron a apoiar unha iniciativa para repartir case 22M€ entre as dúas principais competencias da Deputación: a colaboración cos concellos e o mantemento da rede de estradas provincial.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, denuncia que José Tomé e os deputados socialistas e nacionalistas “impuxeron unha política de amiguetes” á fronte da Deputación de Lugo que ten como resultado “que sempre se beneficia aos mesmos concellos, aqueles gobernados por alcaldes do PSOE e do BNG”. “Esta forma de facer política ten un resultado nefasto, indo en contra da igualdade que dende o PP sempre defendemos xa que sempre se discrimina á metade de lucenses da provincia, sempre á mesma metade de lucenses”, lamentou.

Os deputados populares defenderon unha iniciativa para pedir que o goberno provincial destine os 21.756.212,86€ procedentes da liquidación definitiva da participación das entidades locais nos tributos do Estado do ano 2022 á mellora e ao mantemento da rede viaria provincial e ao incremento dos fondos destinados ao Plan Deputación a través dunha liña adicional de cooperación cos Concellos.

Ameijide sinalou que destinar eses fondos a esas dúas liñas de actuación “é a mellor opción” xa que suporía dobrar o orzamento para o mantemento de estradas provinciais, “unha necesidade prioritaria en toda a provincia”, e o Plan Deputación “é o mellor medio que temos na actualidade para repartir fondos entre os 67 concellos da provincia en base a criterios de igualdade e xustiza, en lugar do camiño tomado por PSOE e BNG de dar convenios a dedo aos seus alcaldes afíns”.

Os populares acadaron a aprobación (12 votos a favor do PP, 10 en contra do PSOE e 2 abstencións do BNG) dunha moción para reclamar ao Goberno de España servizos ferroviarios de calidade para a provincia de Lugo, algo ao que “de xeito incrible se negaron tanto PSOE como BNG”.

A realidade é que, pese a aprobación desta iniciativa, tanto socialistas como nacionalistas dende o goberno da Deputación de Lugo “están a amparar” as decisións do Goberno de Pedro Sánchez que provocan que “Lugo sexa a provincia máis illada de España” e que, entre outras deficiencias en materia de comunicacións “os lucenses vexamos como as obras de electrificación da vía na zona sur da provincia seguen acumulando atrasos e sen visos de rematar”. “Se de verdade quixesen a igualdade de servizos para todos os lucenses votarían a favor desta iniciativa sen dubidar”, reflexionou.

O primeiro prazo de finalización era o último trimestre de 2023, logo en abril de 2024 e o último prazo foi o 30 de setembro deste ano “pero os traballos restantes aínda durarán varios meses máis”.

Decisións do Goberno do Estado, amparadas por socialistas e nacionalistas en Lugo, que provocan que a provincia de Lugo sexa a única de Galicia e da contorna sen alta velocidade, así como que non se recuperaron as frecuencias de tren suprimidas durante a pandemia nin tampouco se remataron as obras de supresión dos pasos a nivel, detidas dende hai meses.

Co seu voto en contra, José Tomé, PSOE e BNG tamén se negaron a que os lucenses teñamos as mesmas condicións nas que se presta o servizo do FEVE tendo como principal desigualdade que este servizo é gratuíto para todos os usuarios de Asturias e Cantabria, mentres que os galegos temos que seguir pagando por este servizo.

0.16092205047607