O BNG convoca unha mobilización en Cervantes pola situación sanitaria e os “incumprimentos” da Xunta

LugoXa
A concentración terá lugar este mércores en Doiras ante a falta de reapertura do consultorio e a inestabilidade na atención médica
concentracion-centro-de-saúde-Cervantes-BNG
5 May 2026

O Bloque Nacionalista Galego impulsa unha nova mobilización no concello de Cervantes para denunciar a situación sanitaria e a falta de solucións por parte da Xunta. A formación nacionalista chama á veciñanza a concentrarse este mércores, 6 de maio, ás 12:00 horas diante do consultorio médico de Doiras.

Desde o BNG critican que o anuncio da reapertura deste consultorio quedou “nunha nova promesa incumprida do Partido Popular”, mentres a cidadanía segue a padecer a falta de servizos e a incerteza sobre a atención médica diaria.

A responsábel local do BNG, Maruxa Bardasco, advertiu de que esta situación non é puntual, senón que responde a unha forma de actuar baseada en xerar expectativas que non se chegan a cumprir. Segundo indicou, esta realidade agrava aínda máis as dificultades dun municipio cunha poboación dispersa e con importantes necesidades sanitarias.

Na mesma liña, a deputada no Parlamento galego Olalla Rodil asegurou que o caso de Cervantes exemplifica o abandono da atención primaria no rural galego. Rodil sinalou que non só non se fixo efectiva a reapertura do consultorio de Doiras, senón que tampouco se garante unha cobertura estable no centro de saúde de San Román, deixando á poboación nunha situación de desprotección.

A deputada reclamou á Xunta a adopción de medidas inmediatas e concretas, máis alá de anuncios, e insistiu na necesidade de recuperar o funcionamento do consultorio e garantir persoal sanitario suficiente de maneira permanente.

O BNG explica que esta convocatoria busca manter a presión social e anima á veciñanza a participar para defender o acceso á sanidade pública, especialmente no rural, onde cada recorte ten un impacto máis acusado.

0.11938881874084