O BNG critica a falta de publicación do programa do Arde Lucus a poucos días do inicio da festa

A concelleira do BNG no Concello de Lugo, Maite Ferreiro, criticou que a apenas dez días do inicio do Arde Lucus o Goberno municipal “aínda non comezou a distribuír o programa nin o publicou na web oficial”.
Segundo sinalou, esta situación impide tanto á veciñanza como ás persoas visitantes planificar a súa asistencia á festa de interese turístico internacional, así como adquirir entradas para actividades como o Circo Romano. Ferreiro cualificou a situación como “unha absoluta falta de planificación por parte do Goberno municipal” e engadiu que nin sequera o boletín cultural recolle a programación da fin de semana do Arde Lucus.
A edil nacionalista considerou que se trata dun novo exemplo de que ao Partido Popular “non lle interesa a cultura” e reclamou ao executivo local que “se poña a traballar xa” para garantir o correcto desenvolvemento do evento e manter o seu papel como motor de promoción da cidade.
Ferreiro lembrou ademais que, desde a oposición, o PP reclamaba melloras para o Arde Lucus, mentres que agora, xa no goberno, “o está a maltratar” ao atrasar cuestións básicas como a publicación da programación.
A concelleira defendeu tamén o papel da cultura como dereito e motor económico, sinalando que “é a expresión máis visible do que somos e de como entendemos o mundo”, ademais de ser “unha ferramenta esencial para a cohesión social, a transformación e o fortalecemento da identidade galega”.