O BNG critica o gasto de manter pechada a antiga caseta de información turística da Praza Maior

A concelleira do BNG de Lugo, Maite Ferreiro, criticou que o Goberno local continúe mantendo pechada a antiga caseta de información turística da Praza Maior despois da posta en funcionamento do quiosco situado a escasos metros. Segundo afirmou, esta decisión supón "un malgasto do diñeiro das e dos lucenses".
Ferreiro lembrou que a instalación da caseta está incluída no contrato de atención das salas museísticas e dos puntos de información turística, polo que o Concello continuará abonando o seu alugueiro aínda que permaneza sen uso. "O Concello vai pagar unha factura por ter a caseta pechada", sinalou.
A edil nacionalista explicou que a colocación desta infraestrutura estaba prevista desde o 1 de xuño ata despois das festas de San Froilán, pero considera que, unha vez recuperado o quiosco de información turística, carece de sentido manter ambas instalacións. Ao seu xuízo, esta situación constitúe "un novo exemplo da mala planificación do Goberno do PP e da concelleira tránsfuga".
Maite Ferreiro defendeu que a cidadanía lucense merece "unha xestión seria e eficiente dos recursos públicos" e censurou o que cualificou como "a continua improvisación" do Executivo local nun ámbito que considera estratéxico para a cidade como é o turismo.