O BNG de Baleira reclama a rehabilitación do pavillón polideportivo e un corredor cuberto para o alumnado

O BNG de Baleira defenderá no vindeiro pleno unha iniciativa para reclamar a rehabilitación integral do pavillón polideportivo municipal, unha infraestrutura empregada habitualmente polo alumnado do CEIP Plurilingüe Concepción López Rey para a práctica de actividades deportivas e que, segundo denuncia a formación nacionalista, presenta importantes deficiencias de conservación.
O portavoz municipal do BNG, Tino Díaz, advertiu de que o pavillón sofre problemas derivados do deterioro da súa cuberta, o que provoca filtracións, goteiras e humidades no interior da instalación. Ademais, sinalou que os vestiarios e os baños precisan unha renovación e un mantemento máis frecuente para garantir unhas condicións axeitadas de uso.
A proposta que o grupo municipal levará á sesión plenaria solicita que o Concello encargue coa maior brevidade posible unha memoria ou informe técnico que analice de maneira integral o estado do pavillón, detalle as deficiencias existentes e estableza unha estimación económica das actuacións necesarias para a súa rehabilitación.
O BNG considera que é necesario actuar antes de que o deterioro da infraestrutura continúe avanzando e incremente o custo das futuras reparacións. Segundo explicou Tino Díaz, trátase dunha instalación pública utilizada diariamente por nenas e nenos do municipio, polo que entende que debe ofrecer unhas condicións adecuadas tanto para a práctica deportiva como para o seu uso habitual.
A iniciativa incorpora tamén a proposta de estudar a construción dun corredor cuberto anexo á fachada do centro educativo, co obxectivo de que o alumnado poida agardar polo autobús escolar protexido da chuvia. A formación considera que esta actuación melloraría o día a día dos escolares e pide que a súa viabilidade e custo se analicen dentro da mesma memoria técnica prevista para a rehabilitación do pavillón.
Unha vez definidas as actuacións necesarias, o BNG propón que o Concello solicite colaboración económica á Xunta de Galicia, á Deputación de Lugo e a outras administracións co fin de financiar as obras.
Tino Díaz concluíu sinalando que se trata de investimentos destinados a mellorar os servizos públicos e as condicións nas que o alumnado de Baleira realiza actividade física e desenvolve parte da súa xornada escolar, polo que pediu planificación, mantemento e compromiso para dotar ao municipio dunhas instalacións en condicións.