O BNG de Baleira reclama un alcalde con dedicación exclusiva para afrontar unha nova etapa de xestión

O responsable local do BNG de Baleira, Manuel Vázquez, defendeu a necesidade de que o Concello conte cun alcalde con dedicación exclusiva para impulsar unha nova etapa na xestión municipal. Ao seu xuízo, o municipio precisa unha persoa centrada plenamente na planificación, na procura de investimentos e na execución dos proxectos necesarios para o seu desenvolvemento.
Vázquez asegurou que Baleira "necesita un alcalde que se dedique plenamente ao Concello, que planifique, xestione e estea sempre pendente das necesidades da veciñanza", ao tempo que avogou por unha presenza diaria na administración local, capacidade de diálogo e compromiso para aproveitar todas as oportunidades que poidan xurdir.
Entre as actuacións que considera prioritarias, o responsable nacionalista citou a mellora do abastecemento de auga, o arranxo e mantemento das pistas municipais, a rehabilitación do polideportivo do Cádavo, unha infraestrutura que cualificou de fundamental para o alumnado do CEIP Concepción López Rey, así como a procura dunha solución para os problemas existentes nos puntos de recollida de plásticos agrícolas.
Ademais, o BNG aposta por impulsar un concello con maior actividade económica e social mediante o reforzo da programación cultural, a creación de iniciativas para atraer visitantes, a potenciación do polígono industrial e a revitalización da feira mensual como elemento dinamizador.
Manuel Vázquez concluíu sinalando que Baleira "ten recursos, ten xente e ten futuro", polo que considera necesario abrir unha nova etapa cun Concello "próximo, con iniciativa e capacidade de xestión", que escoite á veciñanza e traballe de maneira continuada para conseguir máis servizos e oportunidades para o municipio.