O BNG de Baralla organiza un acto para informar sobre o "catastrazo" e as reclamacións de atrasos do IBI

LugoXa
A charla celebrarase este sábado no Centro Sociocultural e abordará as consecuencias da actualización catastral e as opcións das persoas afectadas
centro-sociocultural-Baralla
24 Sep 2026

O BNG de Baralla celebrará este sábado, 26 de setembro, ás 20:00 horas, no Centro Sociocultural de Baralla, un acto aberto á veciñanza para informar sobre a actualización catastral aplicada no municipio e as reclamacións de atrasos do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) que están recibindo estes días numerosas persoas.

Baixo o título "Volve o catastrazo do Concello", o encontro estará impartido por Eduardo Álvarez, profesor xubilado e licenciado en Dereito, que explicará a situación de terreos que anteriormente tributaban como rústicos e que, tras a actualización catastral, pasaron a facelo como urbanos, mesmo en casos nos que non dispoñen dos servizos necesarios para poder construír.

Durante a charla analizaranse os motivos polos que se están producindo estas reclamacións, as posibilidades das persoas afectadas e as actuacións que poden desenvolverse desde o Concello, tanto no ámbito do planeamento urbanístico como a través da ordenanza fiscal do IBI.

O BNG de Baralla lembra que leva tempo reclamando un novo planeamento urbanístico que permita delimitar correctamente os núcleos rurais e os terreos realmente urbanos. A formación tamén defende a aplicación de bonificacións no IBI para aliviar a carga económica sobre a veciñanza afectada.

Desde o BNG animan as persoas afectadas ou interesadas a acudir ao encontro para resolver dúbidas e coñecer con detalle unha situación que está a ter consecuencias económicas para numerosas familias do municipio.

0.14974188804626