O BNG de Castroverde acusa ao PSOE de falta de compromiso coas familias nas escolas deportivas

LugoXa
A formación nacionalista critica a falta de claridade do goberno local e alerta do risco de deixar sen apoio ao deporte base do municipio
pavillon-de-Castroverde-BNG
12 May 2026

O Bloque Nacionalista Galego de Castroverde denunciou que, unha semana despois da reunión informativa sobre as escolas deportivas, o goberno local do PSOE continúa sen comprometerse coas familias nin aclarar o futuro do proxecto.

Segundo explicou a voceira municipal do BNG, Iria Castro, na reunión celebrada o martes da semana pasada o alcalde tiña previsto presentar o proxecto das escolas deportivas, pero finalmente non achegou información clara nin explicacións concretas. Pola contra, segundo denuncia a formación nacionalista, dedicouse a desacreditar á propia voceira do BNG, acusándoa de difundir bulos, algo que cualifican de totalmente falso.

Iria Castro asegura que nin o alcalde nin a concelleira de Deportes foron quen de explicar con claridade cal é o obxectivo real das escolas deportivas, o que, ao seu xuízo, evidencia que a decisión non responde a unha vontade de mellorar o deporte escolar nin a organización das actividades, senón a “un evidente problema persoal”.

O BNG sinala ademais que o goberno local podería estar a apostar por dar prioridade a unha nova asociación promovida dende o propio executivo municipal, sen aclarar quen formaría parte da súa directiva, nin o procedemento de creación, nin o seu funcionamento. Tamén alertan de que esta entidade podería concentrar boa parte do xa reducido orzamento destinado ao deporte, deixando sen financiamento outras entidades deportivas do municipio.

A formación nacionalista lamenta o que considera unha falta de apoio aos proxectos de deporte base con longa traxectoria en Castroverde, iniciativas que durante anos contribuíron á formación deportiva e social de numerosos nenos e nenas e que, de continuar esta situación, poderían verse obrigadas a trasladar a súa actividade a concellos limítrofes.

Iria Castro advertiu de que o máis grave sería que a rapazada de Castroverde tivese que desprazarse a outros municipios para poder seguir practicando deporte, como o fútbol sala, por non poder empregar o pavillón municipal. Nese sentido, comparou a situación cunha hipotética prohibición de uso de instalacións culturais para outras actividades, nunha crítica á xestión municipal.

Dende o BNG anuncian que seguirán defendendo os intereses das familias afectadas e esixen ao goberno do PSOE que garanta un acceso igualitario ao pavillón para todos os clubs deportivos existentes. Ademais, avanzan que levarán esta cuestión e outras relacionadas co uso das instalacións municipais ao próximo pleno do mes, co obxectivo de reclamar solucións.

0.41603302955627