O BNG de Castroverde critica o gasto nas escolas deportivas e pide explicacións sobre a súa posta en marcha

LugoXa
A voceira nacionalista, Iria Castro, considera que “o custo de calquera actividade deportiva das ofertadas supera os 120 euros/hora e iso é moi elevado para este tipo de actividades"
Iria Castro BNG Castroverde
24 Sep 2026

O BNG de Castroverde reclama explicacións sobre o custo das escolas deportivas municipais, tras ver a proposta de crédito extraordinario que se leva a pleno, xa que consideran "é desproporcionado para este último trimestre do ano".

A voceira nacionalista, Iria Castro, considera que “o custo de calquera actividade deportiva das ofertadas supera os 120 euros/hora e iso é moi elevado para este tipo de actividades, chega a superar o que pode cobrar por hora un profesional cualificado, como un avogado”. Este custo suporía, para o vindeiro ano, aproximadamente, 47.000 euros, unha cantidade dificilmente xustificable sen saber cantos nenos e nenas van participar.

A formación nacionalista advirte de que, dentro deste custo total, inclúese unha tarifa de 1.050 euros por mantemento do campo de fútbol e pola coordinación das actividades; "o cal non tería sentido" xa que, segundo Iria Castro, “o campo de fútbol é un equipamento municipal, o goberno municipal poderíase facer cargo do mantemento cos medios propios da brigada”. Alén diso, recorda que a concelleira de cultura e deportes ten unha dedicación exclusiva para precisamente xestionar a actividade cultural e deportiva do concello.

“Non entendemos que haxa recursos para asumir preto de 50.000 euros en actividades deportivas e que no seu momento o PSOE votara en contra de poñer en marcha unhas axudas para material escolar que terían un custo moito menor para o Concello”, sinala o BNG, que trae de novo a este pleno unha moción para poñer en marcha un programa de axudas de material escolar.

0.16103887557983