O BNG de Castroverde levará ao Pleno propostas para mellorar a feira e ampliar a apertura das piscinas

O grupo municipal do BNG de Castroverde rexistrará para o vindeiro Pleno dúas mocións centradas na mellora de servizos e espazos públicos do municipio, con iniciativas orientadas á dinamización da feira quincenal e á ampliación do período de apertura das piscinas municipais.
A voceira municipal da formación, Iria Castro, sinalou que a feira quincenal representa un importante elemento económico e social para o concello e considera que precisa unha maior promoción e impulso. Segundo explica, a proposta nacionalista inclúe diferentes medidas como actuacións de difusión, melloras nos espazos destinados ás pulperías, a instalación de baños públicos e outras actuacións orientadas a reforzar este evento periódico.
Desde a formación destacan ademais o valor da feira como patrimonio cultural e como un elemento dinamizador do comercio local e da actividade económica de proximidade.
A segunda moción estará centrada nas piscinas municipais, onde o BNG defenderá a ampliación do período de apertura das instalacións para recuperar un calendario que, segundo sosteñen, se adapte mellor ás necesidades da veciñanza. A formación xa trasladara anteriormente a súa preocupación pola redución do tempo de funcionamento este ano, especialmente nun contexto marcado por episodios de altas temperaturas cada vez máis frecuentes durante os meses de verán.
Ademais destas dúas iniciativas, o grupo nacionalista tamén formulará rogos relacionados coa posta en marcha de cursos ao longo de todo o ano, a apertura ao público dunha biblioteca no Paco Pestana e a limpeza dos roteiros municipais.
Iria Castro indicou que as propostas responden ás demandas trasladadas pola cidadanía e asegurou que o obxectivo da formación pasa por presentar iniciativas útiles e realistas destinadas a mellorar os servizos e aumentar o atractivo do municipio.