O BNG de Lugo abre o proceso interno para elixir a candidatura das municipais de 2027

LugoXa
A militancia poderá presentar candidaturas para encabezar a lista nun procedemento aberto e participativo
BNG-pleno-orzamentos-Lugo
8 May 2026

O responsable local do BNG en Lugo, Antón Bao, anunciou a apertura do procedemento interno para a confección da candidatura das eleccións municipais de 2027, seguindo o calendario de traballo marcado pola Dirección Nacional da formación nacionalista.

Bao destacou que “o BNG é unha organización democrática, e todas as cuestións importantes, como a cabeza de lista de cara a unhas eleccións municipais, escóllense entre toda a militancia”. Neste sentido, a organización comunicou xa á súa base social o inicio da primeira fase do proceso, na que calquera persoa militante poderá presentar a súa candidatura para liderar a listaxe electoral de 2027.

O responsábel local sinalou tamén que desde o BNG afrontan este novo ciclo “con ilusión e ganas de retomar o importante traballo que estivemos executando os últimos 7 anos, facendo de Lugo un lugar mellor”.

Unha vez finalice o prazo de presentación de candidaturas, será a Asemblea Local a encargada de escoller a persoa que encabezará a candidatura do BNG en Lugo. Posteriormente, esta proposta deberá recibir o aval dos distintos órganos de dirección da organización tanto a nivel comarcal como nacional. Segundo explicou Bao, trátase dun “proceso aberto no que a voz de toda a militancia ten o mesmo peso”.

0.12059712409973