O BNG de Lugo celebra que a Xunta retirase o valado que rodeaba os fornos da Tinería

O portavoz do BNG e tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, cualificou como unha "boa nova" que, dezasete anos despois, a Xunta retirase o valado que rodeaba os fornos da Tinería, que levaba tempo en mal estado.
Arroxo subliñou que, agora, o seguinte paso debe ser que a Xunta "continúe traballando e comecen as escavacións arqueolóxicas neste terreo, onde sabemos que se atopan fornos e unha domus romana".
O portavoz do BNG tamén criticou que a Xunta siga "pospoñendo" a renovación integral da Tinería, un proxecto que foi iniciado polo BNG durante o Bipartito e que, coa chegada de Feijoo en 2009, foi completamente abandonado.
Arroxo lembrou que durante ese período se investiron máis de 20 millóns de euros na recuperación deste barrio, un proxecto que, hoxe en día, podería ser un gran exemplo internacional de como recuperar un barrio histórico como a Tinería.
O proxecto impulsado polo BNG desde o goberno galego foi recoñecido co Premio Dubai de Boas Prácticas outorgado polas Nacións Unidas en 2008. Valorouse a iniciativa de recuperación do patrimonio mediante unha iniciativa pública, xunto coa rehabilitación dun barrio xunto á Muralla de Lugo.
Este proxecto non só favoreceu a recuperación da actividade comercial e social do barrio, senón que tamén contribuíu á creación de emprego, permitiu o uso dos baixos de propiedade pública para o emprendemento e mesmo para usos institucionais, e promoveu a posta en valor do patrimonio arqueolóxico da zona.