O BNG de Lugo chama á mobilización contra o militarismo na manifestación de Vigo

GaliciaXa | LugoXa
Olalla Rodil critica o aumento do gasto militar e denuncia a “normalización da cultura da guerra” impulsada desde as institucións
BNG-Lugo-manifestacion-vigo
28 May 2026

O BNG de Lugo animou á veciñanza lucense a participar na manifestación convocada en Vigo baixo o lema “nin guerra, nin Otán, nin gastos militares: Paz e Soberanía”, prevista para o próximo 30 de maio.

A deputada nacionalista Olalla Rodil advertiu da “crecente militarización da vida pública impulsada descaradamente desde institucións do Estado e asumida con total naturalidade polo PP desde a Xunta de Galiza”. Segundo sinalou, existe unha ofensiva política e mediática “para normalizar o militarismo e introducir a cultura da guerra na sociedade galega”.

Rodil asegurou que o actual contexto internacional está marcado por “unha dinámica da guerra impulsada pola OTAN e polos Estados Unidos moi perigosa”, unha situación que, ao seu xuízo, tamén ten consecuencias directas en Galicia “en forma de aumento dos prezos e carestía da vida”.

A parlamentaria nacionalista criticou igualmente o incremento do gasto militar tanto por parte do Estado como da Xunta. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego puxo en marcha unha “Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo” coa intención de mobilizar máis de 900 millóns de euros vinculados ao sector militar e da defensa.

“Estamos falando de centos de millóns de euros públicos para alimentar a industria militar mentres continúan sen resolverse problemas gravísimos en sanidade, vivenda ou dependencia”, afirmou Rodil durante a súa intervención.

A deputada tamén denunciou a presenza crecente de actividades militares en espazos públicos e educativos, facendo referencia aos actos desenvolvidos estes días nas comarcas de Lugo coa presenza da Garda Real. “É intolerábel utilizar crianzas para campañas de propaganda militar e de branqueamento da monarquía española”, asegurou.

Olalla Rodil reivindicou ademais o compromiso do BNG co antimilitarismo e co antiimperialismo, defendendo que “o exército español e a monarquía son os dous piares que garanten a opresión nacional ao noso pobo”. Finalmente, fixo un chamamento á mobilización social contra o desfile militar previsto en Vigo o vindeiro 30 de maio.

0.1243360042572