O BNG de Lugo chama á mobilizarse na Illa de Arousa para esixir o arquivo defintiivo de Altri e da mina de Touro-O Pino

O BNG de Lugo fai un chamamento á cidadanía para participar de forma masiva na manifestación convocada pola Plataforma Ulloa Viva, a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e a Plataforma Veciñal Mina de Touro-O Pino Non, que terá lugar o próximo 14 de xuño na Illa de Arousa baixo o lema “Pola defensa do Ulla e da Ría de Arousa. Re-matemos Altri e a Mina de Touro-O Pino”.
A mobilización partirá ás 12:00 horas desde a praia do Vao e ten como principal obxectivo reclamar o arquivo definitivo de dous proxectos que continúan representando unha seria ameaza para o territorio, os recursos naturais e os sectores produtivos vinculados ao medio rural e ao mar, para facilitar a asistencia a toda á veciñanza teremos autobuses dende Lugo que saíran de diante do edifico de Sindicatos ás 8.45 da maña e retornaran ás 15.00 horas.
A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Olalla Rodil, subliñou que “a Xunta debe abandonar a súa política de submisión aos intereses das grandes corporacións e poñer no centro a defensa do territorio, dos sectores produtivos, do medio ambiente e da calidade de vida da cidadanía galega”. Segundo explicou, “Galiza non pode seguir sendo tratada como unha simple fonte de recursos para o beneficio privado dunhas poucas empresas, mentres se compromete o futuro das vindeiras xeracións”.
Rodil denunciou que tanto o proxecto de Altri como a reapertura da mina de Touro-O Pino responden "a un modelo económico baseado no espolio dos recursos naturais e na socialización dos impactos ambientais, deixando sobre o territorio as consecuencias negativas mentres os beneficios marchan fóra do país".
Temos sectores produtivos que son moi importantes e temos que apoiar a nosa riqueza no rural e, para iso, é clave que freemos ese megaproxecto contaminante que o Partido Popular quere impoñernos no corazón do noso país”, afirmou
Na mesma liña pronunciouse o voceiro municipal do BNG en Lugo , Ruben Arroxo, quen advertiu de que “nin Altri nin a mina están definitivamente descartadas”. “O proxecto de Altri continúa latente e podería reactivarse se se producen cambios políticos ou administrativos, mentres que a mina de Touro-O Pino segue sendo unha grave ameaza para a saúde ambiental a comarca da Ulloa toda a bacía do Ulla e para a actividade económica ligada á ría de Arousa”, afirmou.