O BNG de Lugo defenderá no pleno unha moción para que o goberno deixe de utilizar IA Xerativa

O BNG presentou unha proposición para o pleno do vindeiro xoves onde reclamará o consenso da Corporación Municipal para instar ao goberno "a non utilizar Intelixencia Artificial Xerativa napromoción da actividade municipal". O portavoz do BNG, Rubén Arroxo, afirmou que "desde a moción de censura do PP e da concelleira tránsfuga, o uso da IA converteuse na solución do goberno para anunciar todo tipo de actividades, o que supuxo unha merma de calidade nas publicacións". Arroxo destacou que diversos colectivos profesionais de deseñadoras e deseñadores, ademáis da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón fixeron público o seu malestar por esta decisión do goberno do PP.
Nos últimos meses, o goberno utilizou solucións de IA Xerativa na promoción de todo tipo de actividades municipais, tanto para o material divulgativo da actividade municipal, como se pode ver no novo boletín cultural, como para os anuncios de actividades e eventos, como unha excursión a Betanzos organizada para o 13 de agosto ou o propio cartaz que anunciaba o concurso de cartaces do San Froilán e do San Froilán Miúdo "o que supuxo unha gran onda de críticas á xestión do Partido Popular".
Baixo o termo Intelixencia Artificial (IA), agrúpanse unha serie de avances tecnolóxicos pensados con diversos fins. A IA consiste nun algoritmo capaz de resolver un problema a través dunha serie de datos de partida. Dentro deste grupo de tecnoloxías destaca a IA xerativa, algoritmos preparados para xerar contidos que den unha solución ao problema proposto a través dos datos introducidos en linguaxe humana.
As empresas detrás destes modelos de IA xerativa precisan utilizar miles de imaxes para adestrar os seus modelos. Na súa batalla polo mellor conxunto de datos de partida, moitas destas empresas están a utilizar imaxes de pequenas epequenos artistas sen que estas vexan ningún tipo de gratificación polo seu traballo, o que está precarizando aínda máis as profesións artísticas.
Múltiples persoas expertas destacan que na actualidade, o uso da IA xerativa na artesupón riscos para a propiedade intelectual (especialemente durante o adestramento dos modelos) e a xeración de “deepfakes” (imaxes de persoas reais xeradas sen consentemento), o que para moitos converte esta tecnoloxía nunha ferramenta “perigosa e ineficaz” ao mesmo tempo. Por outra banda, neste momento, o desenvolvemento tecnolóxico aínda segue en proceso, o que fai que os modelosactuais cometan erros graves na xeración do contido final.