O BNG de Lugo lamenta o deterioro do cuartel de San Fernando, catalogado como Ben de Interese Cultural
A deputada do BNG por Lugo, Olalla Rodil, acompañada por representantes do corporación municipal do BNG, denunciou a situación de deterioro do cuartel de San Fernando, un ben emblemático e catalogado como Ben de Interese Cultural no centro da cidade de Lugo. Rodil criticou o abandono prolongado desta infraestrutura, que presenta un estado de deterioro cada vez máis grave. Rodil subliñou que “a Xunta de Galiza é a principal responsable” desta situación, lembrando que o Concello de Lugo ofreceu a cesión do cuartel á Xunta co compromiso de darlle un uso adecuado.
“Vinte anos despois, seguimos igual ou peor”, denunciou a deputada, apuntando que o Goberno galego “non amosa ningún compromiso coa cidade nin co seu patrimonio”. Neste sentido, anunciou que o BNG levará ao Parlamento galego unha nova iniciativa para aclarar os usos previstos para este edificio no futuro; entre outras cuestións relativas á cidade como a creación no Pazo de Dona Urraca, no barrio da Tinería, dunha sede do CGAC. A conversión do espazo nun Centro de Interpretación Galaicorromano, segundo Rodil, permitiría destacar a orixe romana de Lugo e o seu rico patrimonio, ademais de ofrecer un foco de dinamización social, cultural e económica, promovendo un espazo de encontro que reforzaría a oferta turística e cultural da cidade lucense.
A deputada denunciou ademais a parálise e falta de ideas do goberno da Xunta, cualificando o estado do cuartel de San Fernando como unha metáfora da súa mala xestión. “Un goberno sen iniciativa, que se dedica a facer propaganda e a culpar aos demais en lugar de afrontar os problemas”, sinalou, lembrando tamén as promesas incumpridas do Partido Popular, que en diferentes ocasións anunciou a conversión do edificio nun parador sen que tal proxecto se materializase.
Rodil insistiu na urxencia de actuar para frear o deterioro do cuartel, especialmente agora que o Concello de Lugo investiu na mellora da contorna, con novas medidas de peonalización que embelecen e fan máis accesible o espazo. “Desde o BNG sempre defendemos a súa recuperación, e agora é máis necesario que nunca para evitar que os danos vaian a máis”, concluíu, reiterando o compromiso da formación nacionalista coa posta en valor do patrimonio de Lugo e a súa revitalización cultural e social.