O BNG de Lugo leva a campaña “Pronúnciate” aos xulgados para defender os nomes e apelidos en galego

O BNG de Lugo levou a súa campaña “Pronúnciate” ata as portas dos xulgados da cidade nun acto simbólico co que busca visibilizar e defender o dereito da cidadanía a recuperar os seus nomes e apelidos en galego, ao tempo que fai un chamamento á mobilización social en favor da lingua.
A iniciativa, impulsada polo Bloque Nacionalista Galego, pretende promover a galeguización da onomástica como unha forma de reparar unha “inxustiza histórica” derivada da castelanización imposta e avanzar no proceso de normalización lingüística.
Neste contexto, militantes e cargos públicos trasladáronse aos xulgados de Lugo para reivindicar que o procedemento de cambio de nomes e apelidos a través do Rexistro Civil debe ser coñecido, accesible e asumido con normalidade pola sociedade.
O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, sinalou que recuperar os apelidos orixinais é “un acto de xustiza” coa lingua e coa memoria, e animou a realizar este trámite ao ser un proceso “sinxelo”. Na mesma liña, o militante Xavier destacou que se trata dun “xesto de compromiso coa lingua” e subliñou que pode completarse en poucos días ou mesmo en minutos por vía dixital.
Pola súa parte, Maite Ferreiro apelou á recuperación da identidade e lembrou que ela mesma xa galeguizou o seu nome, defendendo “non dar nin un paso atrás” na dignificación dos nomes en galego para as novas xeracións.
Baixo o lema “Pronúnciate! Con nome e apelidos en galego”, o BNG anima á veciñanza a galeguizar a súa identidade oficial como expresión de compromiso coa lingua e coa identidade colectiva, combinando accións informativas, mobilización social e reivindicación institucional.