O BNG de Lugo preguntará polas actuacións da Concellería de Migración desde o inicio do mandato

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o grupo nacionalista rexistrará unha pregunta dirixida ao Goberno municipal para coñecer que actuacións levou a cabo a Concellería de Migración desde a constitución do novo executivo e cales son as liñas de traballo previstas para os vindeiros meses.
Arroxo lembrou que a creación desta área municipal respondía á realidade demográfica de Lugo e ás necesidades da poboación migrante, aínda que, segundo sinalou, pasados os primeiros meses de mandato non se coñece ningunha iniciativa impulsada desde esta concellería.
O BNG sostén que a área de Migración debía servir para promover políticas de integración, acompañamento e atención ás persoas migrantes. Neste sentido, critica que a única información coñecida ata o momento é o abandono do proxecto da Casa do Migrante, sen que se presentase unha alternativa nin se desen a coñecer novas actuacións.
Segundo indicou o portavoz nacionalista, Lugo conta cunha realidade social cada vez máis diversa, con persoas de máis dun cento de nacionalidades e cunha poboación migrante que supera o 15 % do padrón municipal. Ademais, apuntou que nos últimos catro anos continuou aumentando o número de persoas nacidas noutros países, polo que considera necesario desenvolver políticas públicas adaptadas a esta evolución demográfica.
A través da iniciativa rexistrada, o BNG preguntará ao Goberno local polas medidas executadas desde a creación da Concellería de Migración e tamén pola planificación prevista para os próximos meses. "Queremos saber se existe un proxecto real para esta área ou se a creación da concellería quedou nun simple anuncio sen contido", afirmou Arroxo.
O portavoz nacionalista defendeu que Lugo precisa políticas que favorezan a integración das persoas migrantes e garantan a igualdade de oportunidades, ao tempo que criticou a falta de información sobre o traballo desenvolvido pola concellería e os seus obxectivos.
Arroxo concluíu asegurando que non abonda con crear unha nova área municipal, senón que é necesario dotala de recursos, planificación e contido para responder ás necesidades dunha realidade social cada vez máis presente na cidade.
O PSOE TAMÉN ESIXE INFORMACIÓN SOBRE MIGRACIÓN
O Grupo Municipal Socialista esixiu ao Goberno local que dea a coñecer a súa folla de ruta para favorecer a integración da poboación migrante en Lugo, detallando os programas que están actualmente en funcionamento, os recursos municipais que se destinan a este ámbito e a coordinación existente co resto de administracións e entidades implicadas para promover unha integración efectiva e unha convivencia baseada na igualdade de oportunidades.
Co propósito de coñecer o alcance real destas políticas públicas, o PSOE solicitou acceso á documentación relativa aos programas municipais dirixidos ás persoas migrantes, ás partidas orzamentarias consignadas para a súa execución, ás subvencións concedidas ás entidades que desenvolven o seu labor neste eido e aos instrumentos administrativos que sustentan estas actuacións.
O concelleiro socialista Waldir Sinisterra sinalou que a integración "é unha responsabilidade pública que require moito máis que boas intencións", e defendeu que debe estar sustentada nunha planificación axeitada, recursos suficientes, coordinación institucional e unha avaliación constante que permita comprobar se as medidas implantadas responden ás necesidades reais da cidadanía.
Entre a información requirida, os socialistas tamén reclaman datos sobre os mecanismos de coordinación entre o Concello, a Xunta de Galicia e as entidades do terceiro sector, así como sobre a participación das asociacións de persoas migrantes na definición e planificación das políticas municipais.
Segundo Sinisterra, ningún organismo pode afrontar en solitario un reto como a integración, polo que considera fundamental coñecer como se está desenvolvendo a colaboración entre o Concello, a Xunta, as entidades sociais e o tecido asociativo das persoas migrantes para avanzar cara a unha cidade máis cohesionada e con maiores oportunidades para toda a veciñanza.
Ademais, o PSOE pide información sobre os indicadores empregados para avaliar o impacto destas actuacións, os expedientes administrativos vinculados aos diferentes programas, as subvencións concedidas e os mecanismos de transparencia e publicidade institucional que garanten o acceso da cidadanía a esta información.
Para Waldir Sinisterra, as políticas de integración deben formar parte dunha estratexia definida, con obxectivos claros, recursos suficientes e sistemas de avaliación que permitan introducir melloras de forma continua. Ao seu xuízo, este é o único xeito de determinar que iniciativas están a funcionar, cales precisan reforzo e como ofrecer unha resposta máis eficaz ás necesidades da poboación.
O edil socialista concluíu asegurando que falar de integración significa falar de convivencia, cohesión social e igualdade de oportunidades. Neste sentido, afirmou que Lugo sempre se caracterizou por ser unha cidade aberta e acolledora, pero advertiu de que esa convivencia tamén debe construírse a través de políticas públicas coordinadas, transparentes e ben planificadas. Por iso, insistiu en que a cidadanía ten dereito a coñecer cal é a estratexia do Goberno de Candia nesta materia e os resultados das actuacións que está a desenvolver.