O BNG de Lugo propón converter a actual Estación de Autobuses nun gran parque urbano

LugoXa
O BNG criticou que "terminar a Estación Intermodal e deixar a actual estación, que xa está infrautilizada, fai pensar que o PP non quere investir en Lugo"
praza-na-actual-Estación-de-Autobuses-BNG
17 Feb 2025

O Bloque Nacionalista Galego de Lugo presentou o seu proxecto para transformar o espazo da actual Estación de Autobuses unha vez que entre en funcionamento a futura estación intermodal.

A proposta contempla a creación dun gran parque urbano que mellore a paisaxe da cidade e reforce os espazos verdes no centro.

O voceiro do BNG e tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto con Antón Bao, responsable local da formación, e outros cargos e militantes, defenderon a iniciativa. "É unha proposta que o BNG defendeu desde que xurdiu o proxecto da Estación Intermodal. Queremos converter este espazo nun parque urbano que beneficie á cidadanía", explicou Bao.

As infografías presentadas polo BNG amosan unha gran zona verde que incluiría un aparcadoiro soterrado para eliminar definitivamente os problemas de estacionamento no centro de Lugo. "Incluso poderiamos estudar a conexión co actual aparcadoiro da Praza da Constitución", explicou Arroxo.

Ademais, a proposta inclúe a creación dunha parada para as liñas de transporte interurbano que desexen deterese nesta zona, sen que isto altere a idea central de converter a área no que denominaron Parque Central de Lugo, unha nova praza verde integrada no casco histórico.

"A transformación deste espazo permitiríanos gañar un pulmón verde no centro, crear un gran aparcadoiro e manter unha parada para autobuses sen necesidade do actual almacén de vehículos", detallou Arroxo.

O proxecto do BNG tamén busca contribuír á loita contra o cambio climático mediante a creación de novas zonas de sombra que axuden a regular a temperatura nos espazos públicos. "Esta medida permitirá seguir colaborando na mitigación dos efectos do cambio climático", afirmou Arroxo. Ademais, recalcou que, aínda que é necesario actuar a nivel global, tamén é fundamental tomar medidas locais que melloren a calidade de vida da cidadanía, especialmente nos meses de máis calor.

Con esta proposta, o BNG reafirma a súa aposta por un modelo de cidade máis habitable, sustentable e adaptado ás necesidades actuais dos veciños de Lugo.

Críticas ao PP e defensa dun proxecto consensuado

Durante a presentación, o BNG criticou a falta dunha planificación clara por parte do Partido Popular. Antón Bao sinalou que "o PP fai propostas a tombos" e destacou que historicamente existiu consenso sobre a necesidade de remodelar este espazo. Tamén reclamou aos populares que fagan "unha oposición seria e con alternativas", insistindo en que "Lugo necesita proxectos sólidos e ben definidos, como o que presentamos hoxe".

Pola súa banda, Rubén Arroxo afirmou que "rematar a Estación Intermodal e deixar a actual estación, que xa está infrautilizada, fai pensar que o PP non quere investir en Lugo". Tamén expresou a súa sorpresa ante o feito de que os populares se desmarquen dunha proposta que contou cun amplo apoio social e político, insistindo na necesidade de transformar este espazo nun gran lugar público de utilidade para os veciños.

0.18709516525269