O BNG de Lugo publicou unha vídeo-denuncia sobre a violencia machista

LugoXa
A concelleira do BNG, Maite Ferreiro, afirmou que é necesario "visibilizar e denunciar a violencia machista como un dos problemas máis graves que afectan ás mulleres na nosa sociedade"
maite_ferreiro
25 Nov 2024

O BNG de Lugo lanzou unha vídeo-denuncia sobre a violencia machista, coincidindo co 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista.

A concelleira do BNG, Maite Ferreiro, afirmou que é necesario "visibilizar e denunciar a violencia machista como un dos problemas máis graves que afectan ás mulleres na nosa sociedade, así como de impulsar medidas concretas para frear esta lacra".

Con este obxectivo, o BNG distribuíu a través das súas redes sociais un vídeo onde reflexiona sobre os avances dados nos últimos 20 anos, coincidindo co 20º aniversario da aprobación da primeira lei contra a violencia de xénero.

"Non podemos permitir que a violencia machista se asuma como algo inevitable", afirmou Maite Ferreiro, que engadiu "é unha responsabilidade colectiva, institucional e social garantir os dereitos das mulleres e combater esta realidade".

O BNG continúa a esixir á Xunta de Galicia un compromiso real para abordar con urxencia medidas tan necesarias como "reforzar a atención psicolóxica ás vítimas como parte da Atención Primaria, e ampliar e mellorar os Centros de Información á Muller (CIM), garantindo financiamento suficiente e persoal suficiente e especializado", insiste.

No marco do 25N, o BNG de Lugo desenvolverá diferentes actividades para concienciar sobre esta problemática e mobilizar á cidadanía. Entre elas, unha charla divulgativa, onde se analizará a situación actual da violencia machista en Galicia e se propoñerán solucións para mellorar os sistemas de protección e atención ás vítimas, así como a publicación dun vídeo nas redes sociais, "co obxectivo de sensibilizar á poboación sobre a violencia machista e a importancia de combater os discursos negacionistas", aclarou Ferreiro.

A Comisión de Acción Feminista expresou a súa preocupación polos retrocesos institucionais promovidos polo goberno da Xunta, como a supresión da Secretaría Xeral de Igualdade ou a precarización dos recursos de atención ás vítimas. Fronte a estas políticas, explica Maite Ferreiro, "reafirmamos o noso compromiso cunha sociedade libre de violencias machistas e animamos á veciñanza a participar nas actividades programadas e nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista", concluíu.

 

0.17489910125732