O BNG de Lugo reclama á Xunta unha desculpa institucional ás persoas traballadoras

O portavoz do BNG e tenente de alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira nacionalista Iria Buide, participou este xoves nunha mobilización convocada pola CIG no marco dunha campaña sindical destinada a “desmontar as mentiras da Xunta e da patronal” sobre as baixas laborais.
Durante a concentración, Arroxo anunciou que o BNG presentará unha proposición no vindeiro pleno municipal para reclamar á Xunta de Galicia unha “desculpa institucional” ás persoas traballadoras galegas polas “graves acusacións” realizadas polo presidente da Xunta durante o Debate do Estado da Nación Galega celebrado a pasada semana no Parlamento.
O líder nacionalista afirmou que estas declaracións buscan presentar o absentismo laboral como un problema que incrementa os custos económicos e prexudica as empresas, co obxectivo de xustificar medidas que, segundo dixo, implicarían recortes de dereitos, empeoramento das condicións laborais e deterioro da saúde das persoas traballadoras. Engadiu ademais que esta postura pretende avanzar cara á privatización da sanidade pública.
O BNG pedirá tamén o apoio do pleno para reclamar unha desculpa institucional ás persoas traballadoras acusadas de prolongar as baixas médicas, así como un reforzo do persoal sanitario que garanta o correcto funcionamento do sistema e evite calquera intento de privatización.
Arroxo foi especialmente crítico coas declaracións do Executivo autonómico, asegurando que “para o PP, as e os traballadores galegos son vagos e maleantes e os médicos que dan as baixas, defraudadores”, cualificando estas afirmacións de “gravísimas”. Subliñou que a solución pasa por reforzar o sistema sanitario público e non por criminalizar o persoal traballador nin abrir a porta a que as mutuas fagan negocio cos dereitos laborais.