O BNG de Lugo reclama que a Xunta asuma os comedores escolares e as escolas infantís

A concelleira do BNG no Concello de Lugo, Iria Buide, reclamou que a Xunta de Galicia se faga cargo da xestión dos comedores escolares e das escolas infantís municipais e criticou o esforzo económico e administrativo que, segundo sinala, debe asumir o Concello para manter estes servizos.
A edil nacionalista formulou esta petición coincidindo coa visita do conselleiro e reclamou á alcaldesa, Elena Candia, que aproveite o encontro para abordar o traspaso destas competencias. “Candia debería aproveitar a visita do Conselleiro para que a Xunta asuma a xestión dos comedores escolares das escolas infantiles e non para asinar convenios e protocolos baleiros de contido”, afirmou.
Segundo os datos facilitados por Buide, os orzamentos municipais de 2026 contemplan 2.713.715,42 euros destinados ás escolas infantís municipais e aos comedores escolares. Sen incluír os gastos de persoal, o investimento nestas instalacións ascende a 1.627.758,19 euros. Ademais, o Concello achega 120.000 euros á Escola Galiña Azul.
A rede municipal de escolas infantís está formada por catro centros situados en distintos barrios da cidade: a EIM María Wonenburger, na Piringalla; a EIM Luís Soto Menor, en San Fiz; a EIM Gregorio Sanz, nas Fontiñas; e a EIM Serra de Outes, no Castiñeiro.
No caso dos comedores escolares, Buide sinalou que o servizo atende a máis de 800 familias e que o Concello destinará 1.062.696 euros ao longo deste exercicio. Segundo a súa valoración, trátase dunha prestación que corresponde á Xunta, aínda que o Goberno local mantén o financiamento para garantir a súa continuidade.
Actualmente, segundo os datos achegados polo BNG, a Xunta presta directamente o servizo de comedor nos centros aos que acoden escolares que utilizan transporte público e viven a máis de dous quilómetros do seu domicilio. No Concello de Lugo son catro os colexios que contan con comedor xestionado pola Consellería: Manuel Mallo Mallo de Nadela, Virxe da Soidade das Gándaras, o colexio da Ponte e o colexio de Casas.
Nos restantes colexios públicos do municipio que dispoñen deste servizo, a xestión corre a cargo do Concello, segundo indicou a formación nacionalista.
Buide asegurou que o Concello continuará reclamando á Administración autonómica que asuma as competencias que o BNG considera propias da Xunta. A concelleira sinalou que esta situación obriga ás entidades locais a realizar un esforzo económico para garantir servizos que considera esenciais, especialmente no ámbito da conciliación da vida familiar.