O BNG de Lugo reclama un plan de acción municipal para actuar sobre edificios en estado ruinoso

O BNG levará á comisión municipal unha batería de preguntas para coñecer se o Goberno local dispón dun plan de acción para afrontar a situación de distintos edificios en estado ruinoso no municipio. O concelleiro Alexandre Penas explicou que a iniciativa busca coñecer “cales son os plans do goberno con estes edificios e que pasos pensa dar a curto e medio prazo”.
Entre os inmobles aos que fai referencia a formación nacionalista figura o edificio de titularidade municipal situado no número 4 do Recanto do Miño, no barrio da Tinería. Segundo indicou Penas, trátase dun inmoble “nun avanzado estado de deterioro, con maleza saíndo das ventás”.
O BNG tamén solicitará información sobre a vivenda situada no número 11 da rúa Xulia Minguillón. En concreto, preguntará polo estado actual do expediente urbanístico en marcha e polas actuacións que o Goberno municipal prevé desenvolver para reducir o risco para a veciñanza, ao asegurar que é habitual a caída de restos deteriorados do tellado.
Alexandre Penas afirmou que “seguimos a trasladar ao goberno as diversas reclamacións que nos fai a veciñanza” e sinalou o “malestar” que, segundo indica, provocan estas dúas edificacións en estado ruinoso “en dúas zonas que deberían ser referenciais como son a Tinería e a Milagrosa”.