O BNG de Monterroso celebra que o Concello contrate o Plan Municipal de Igualdade tras rexeitar a súa proposta en 2024

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Monterroso celebra que o Concello decidise contratar a elaboración do Plan Municipal de Igualdade, unha iniciativa que a formación presentara en febreiro de 2024 e que fora rexeitada polo goberno local do Partido Popular. O servizo financiarase con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
O portavoz municipal do BNG, Brais Vázquez, lembra que a proposta se debateu nun pleno hai máis de dous anos e que o executivo local chegou a cualificala de "demagóxica". Agora, os nacionalistas valoran positivamente que o alcalde decidise impulsar a elaboración do documento.
"Alegrámonos de que o alcalde finalmente nos dea a razón e asuma unha proposta que levamos ao pleno en 2024. O que daquela o PP desprezou e cualificou de demagóxico, hoxe resulta ser unha medida necesaria para o noso concello", afirma Vázquez.
A formación relaciona este cambio de postura coa aprobación do novo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero de 2025. Segundo sinala, a medida 448 deste acordo contempla revisar os criterios de distribución dos fondos destinados aos concellos, tendo en conta cuestións como a existencia de plans de igualdade aprobados, o investimento municipal nesta materia e as actuacións de prevención e atención ás vítimas das violencias machistas.
Neste contexto, o portavoz nacionalista considera que o goberno local puido poñer en marcha a iniciativa con anterioridade. "O goberno municipal tivo dous anos para poñer en marcha esta iniciativa e decidiu non facelo. Agora, cando o novo Pacto de Estado introduce os plans de igualdade entre os criterios que se deben ter en conta para a distribución dos fondos, o alcalde cambia de opinión", sostén.
Vázquez defende que a aprobación de propostas municipais útiles debe ser o obxectivo da actividade política, mesmo cando estas son rexeitadas inicialmente polo executivo. "O noso obxectivo é que as iniciativas saian adiante e melloren a vida da veciñanza", engade.
O BNG considera que a contratación do servizo debe ser o primeiro paso dun proceso máis amplo. A formación reclama que o plan parta dunha análise da realidade de Monterroso e estableza medidas concretas, con recursos e mecanismos de seguimento, para avanzar na igualdade entre mulleres e homes, previr as violencias machistas e responder ás necesidades específicas das mulleres do rural.
"Non queremos un Plan de Igualdade que quede gardado nun caixón. Queremos un documento útil, elaborado contando coa participación da veciñanza e do tecido asociativo, que se traduza en políticas municipais reais", conclúe Brais Vázquez.