O BNG de Monterroso critica a "incapacidade" do Goberno local para cumprir os prazos e tramitar o orzamento municipal

LugoXa
Desde o BNG lamentan que se trata dunha situación que deixou de ser extraordinaria para converterse no "modus operandi" de traballar do equipo de Goberno do PP
concello-monterroso-edificio-2023
17 Out 2024

Dende o BNG no Concello de Monterroso, Brais Vazquez, denuncia a "incapacidade" do alcalde e o equipo de goberno para cumprir os prazos da tramitación do orzamento municipal para o ano 2025. No anterior pleno xa se preguntou por esta cuestión, xa que a Lei Reguladora das Facendas Locais establece a obriga dos Concellos de remitir ao Pleno da Corporación o orzamento xeral, informado pola Intervención e cos anexos e documentación complementaria, antes do día 15 de outubro para a súa aprobación, emenda ou devolución.

Dende o BNG “consideramos que o orzamento municipal é o instrumento esencial para consensuar e garantir unha axeitada planificación e xestión equitativa dos recursos do concello” explica Brais Vázquez, xa que permite priorizar as necesidades e é o garante de que o diñeiro de todas as veciñas e veciños se emprega de forma responsable. Desde o BNG lamentan que se trata dunha situación que deixou de ser extraordinaria para converterse no "modus operandi" de traballar do equipo de Goberno do PP.

Cómpre lembrar que xa o ano pasado, cos orzamentos do 2024 e pesar da insistencia do BNG, o pleno para tratar os orzamentos do ano actual nunca se chegou a celebrar, o que obrigou ao PP facer multitude de modificacións nun orzamento prorrogado do ano 2023 para tapar a súa incompetencia. "Preocúpanos o feito de que o executivo en minoría traballe sen rumbo”, continúa expoñendo o concelleiro nacionalista. "O curioso é que o actual equipo de goberno é a representación dun partido popular que tiña por lema na campaña electoral municipal o sentidiño e alardeaban de xestión nun concello sen orzamentos non pode ser xestionado”, concluíu Vázquez.

0.20284509658813