O BNG de Monterroso logra aprobar unha iniciativa para mellorar a calidade da auga no municipio

O pleno do Concello de Monterroso aprobou por unanimidade a iniciativa presentada polo Bloque Nacionalista Galego para avanzar na redución dos niveis de nitratos na auga de consumo e impulsar un estudo actualizado sobre o estado do saneamento no municipio e a capacidade da estación depuradora de augas residuais.
A proposta, explican os nacionalistas, parte das preocupacións existentes arredor da contaminación por nitratos e das advertencias trasladadas nos últimos anos por distintas fontes científicas, que consideran “obsoleto” o actual límite legal de 50 mg/l permitido na auga de consumo humano. Segundo estes estudos, sería recomendable avanzar cara valores moito máis baixos, próximos aos 6 mg/l, como medida preventiva fronte a enfermidades asociadas á exposición prolongada a esta substancia, especialmente determinados tipos de cancro como o colorrectal.
“A auga limpa é saúde”, sinalou o protavoz municipal do BNG en Monterroso, Brais Vázquez, que entende que, por este motivo, “as administracións públicas non poden limitarse unicamente a cumprir cos mínimos legais, senón que deben actuar con criterios de prevención e prudencia sanitaria”.
Segundo indicou, nas últimas análises coñecidas en Monterroso os niveis de nitratos sitúanse arredor dos 12 mg/l, unha cifra “moi inferior ao límite legal vixente, pero superior á doutros concellos da comarca como Palas de Rei ou Antas de Ulla e tamén superior ao novo obxectivo sanitario que moitas voces científicas consideran recomendable”.
Ademais, salientou que “é importante actuar agora e planificar solucións antes de que os problemas vaian a máis”. Neste sentido, advertiu de que a falta de redes de saneamento axeitadas en moitos núcleos rurais dispersos e a posible sobrecarga da depuradora poden aumentar a presión sobre os sistemas de abastecemento e sobre a calidade ambiental das augas.
“O rural tamén ten dereito a contar con infraestruturas modernas e eficientes. Non podemos normalizar que existan carencias históricas no saneamento mentres falamos dun recurso básico e esencial como é a auga de consumo”, afirmou.
A iniciativa aprobada contempla que o Concello adopte medidas para avanzar progresivamente na redución dos niveis de nitratos na auga de consumo e tamén que impulse un estudo técnico actualizado sobre o estado do saneamento no municipio, a capacidade real da estación depuradora e a súa incidencia na calidade da auga, co obxectivo de planificar actuacións de mellora nas infraestruturas existentes.
O edil nacionalista valorou positivamente o apoio unánime da corporación e destacou que “cando falamos de saúde pública, de protección ambiental e de garantir servizos básicos para a veciñanza, o lóxico é que exista consenso para traballar na mesma dirección”.