O BNG de Monterroso valora positivamente as propostas presentadas no pleno e reclama a súa execución

O Bloque Nacionalista Galego de Monterroso, a través do seu portavoz Brais Vázquez, valora moi positivamente o conxunto de iniciativas presentadas polo seu grupo municipal no pasado pleno, centradas en mellorar os servizos públicos, reforzar a inclusión, actuar nas parroquias e poñer en valor espazos estratéxicos do concello.
“O mantemento do compromiso de introducir propostas positivas e que redunden nunha mellor atención ás veciñas e veciños e na solución dos problemas do día a día define unha oposición útil”, sinala o portavoz nacionalista, que engade que estas solicitudes “demostran que facemos unha oposición útil e que colocamos enriba da mesa propostas concretas, baseadas no coñecemento da realidade do concello e das necesidades da veciñanza”.
Entre os asuntos abordados figura a necesidade de actuar nas cubertas do ximnasio e do pavillón deportivo do CEIP Monterroso, unha proposta que busca dar resposta a unha mellora considerada necesaria para o alumnado e para o conxunto da comunidade educativa. “Tras a instalación da nova caldeira, consideramos prioritario seguir mellorando o centro educativo”, apunta Vázquez.
No ámbito social, tamén se presentou unha proposta relacionada cos campamentos municipais e coa atención á infancia con necesidades especiais. “É unha vella demanda na que insistimos, Monterroso precisa reforzar os seus servizos de lecer neste ámbito e investir en atención á diversidade”, explican.
Outra das iniciativas céntrase na área da Peneda. O BNG lembra que Monterroso recibirá arredor de 6.900 euros para o servizo de socorrismo, unha contía superior á do ano anterior, e considera que este incremento debería permitir ampliar o período de apertura da instalación algunhas semanas de xuño e mesmo de setembro, adaptándose mellor ás necesidades da tempada.
Por último, o grupo nacionalista tamén formulou propostas de mellora na parroquia de Ligonde, entre elas o arranxo do firme, a adecuación do camiño tradicional coñecido como “A Currucha”, a mellora do mobiliario de protección dos contedores e a creación dun posto de peón rural para o mantemento das parroquias. “Ligonde é unha das zonas máis habitadas do concello e na que se concentra parte importante do patrimonio inmaterial de Monterroso, polo que precisa máis atención para conservar o seu valor e a súa vitalidade”, destaca Brais Vázquez.
O grupo municipal nacionalista sinala ademais que agora corresponde ao goberno local converter estas propostas en feitos e proceder á súa execución.