O BNG de Outeiro de Rei abandona o pleno ao non poder debater unha moción

LugoXa | TerraChaXa
Os nacionalistas denuncian un “abuso de poder” e un “claro veto” ao labor da oposición
bng-pleno-outeiro-de-rei
29 Oct 2026

O Grupo Municipal do BNG de Outeiro de Rei abandonou o salón de plenos durante a sesión municipal deste xoves despois de que non se lles permitise debater as dúas mocións que presentaran en tempo e forma, relativas á fiscalidade municipal e ao acceso á vivenda.
A formación nacionalista denuncia que o alcalde impediu a incorporación da segunda iniciativa á orde do día e considera que esta decisión limita o seu labor de oposición.

A única proposta admitida para o debate foi a relativa ao Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), que finalmente non saíu adiante ao votar en contra o equipo de goberno. A moción propoñía revisar a ordenanza municipal para introducir bonificacións fiscais, actualizar a normativa e corrixir posibles cobros indebidos. Entre as medidas formuladas polo BNG figuraban a devolución de oficio, cos intereses correspondentes, dos importes cobrados por terreos que non reunisen as condicións para tributar como urbanos, así como bonificacións para instalacións de autoconsumo eléctrico, puntos de recarga de vehículos eléctricos e inmobles destinados a explotacións agrícolas e gandeiras.

A iniciativa tamén cuestionaba a fiscalidade aplicada aos terreos rústicos e ás propiedades situadas nas parroquias rurais, ao considerar que non resulta equitativo que paguen a mesma porcentaxe que os inmobles situados no centro da vila ou en zonas con maior dispoñibilidade de servizos. O BNG defendía, ademais, a modernización dunha ordenanza que considera obsoleta.

A tensión aumentou cando o concelleiro nacionalista Miguel Vieito reclamou que se incorporase á sesión a segunda moción, centrada na falta de vivenda accesible e protexida no municipio.
Segundo denuncia o BNG, o alcalde pretendeu impoñer a presentación de urxencia, malia que fora presentada en tempo e forma xunto coa proposta sobre o IBI.

“Negámonos a votar a urxencia dunha moción que non é urxente, pero que foi presentada en tempo e forma xunto á outra, e só se admitiu unha sen dar ningunha razón”, alega Miguel Vieito, voceiro do BNG de Outeiro de Rei.

Ante a negativa a incluír a proposta, o Grupo Municipal decidiu abandonar o salón de plenos. “Diante deste abuso do alcalde e da negativa a incluír a moción, decidimos marchar, xa que se nos impide desenvolver o noso labor de oposición”, insiste Vieito.

A formación nacionalista lembra que existe unha sentenza do Tribunal Supremo que impide limitar artificialmente o número de mocións que pode presentar a oposición. O BNG acusa o alcalde de seguir ignorando este criterio e lamenta que a situación se prolongue no tempo, ao considerar que supón un “abuso de poder” e un “claro veto” ás propostas e achegas do grupo nos plenos municipais.

Unha moción sobre vivenda que quedou sen debater

A iniciativa que o BNG reclamaba incorporar á sesión abordaba a falta de vivenda accesible e protexida en Outeiro de Rei, unha cuestión que a formación considera prioritaria para a mocidade, as familias traballadoras e as persoas con rendas medias.

A proposta recollía medidas para impulsar a construción de vivenda de protección oficial en réxime de alugueiro mediante a adquisición de terreos municipais ou a súa posta á disposición da Xunta, así como para recuperar o proxecto de vivenda pública previsto na zona da Palloza. Tamén propoñía aplicar unha recarga de ata o 150 % no IBI ás vivendas desocupadas que estean en condicións de saír ao mercado do alugueiro e crear un rexistro municipal de vivendas de uso turístico.

O grupo nacionalista considera que o municipio precisa unha planificación a medio e longo prazo para facilitar a emancipación da mocidade e favorecer que as persoas que marchan estudar fóra poidan regresar e establecerse en Outeiro de Rei. Porén, estas propostas non puideron nin sequera ser sometidas a debate no pleno.

Plenos "baleiros de contido"

Os concelleiros nacionalistas cuestionan tamén o funcionamento da actividade plenaria municipal, que consideran cada vez máis limitada. Ao seu xuízo, os plenos están “baleiros de contido”, xa que, segundo denuncian, as decisións se toman na Xunta de Goberno e as sesións plenarias deixan pouco espazo para as propostas. O grupo entende que a exclusión da moción sobre vivenda é un novo exemplo das dificultades que, asegura, atopa para “desenvolver o seu labor de control e presentar alternativas ás decisións do executivo local”.

Un “ilegal” peche do orzamento

Entre os asuntos incluídos na orde do día por parte do equipo de Goberno figuraba o peche e a liquidación do orzamento municipal de 2025, un punto que o BNG cuestiona porque, segundo denuncia, chegou ao pleno sen pasar previamente pola correspondente aprobación en comisión, convocada para despois da sesión plenaria.

A formación considera que esta forma de proceder se suma ás irregularidades que leva tempo denunciando no funcionamento da corporación.

“Novamente seguimos acumulando irregularidades nesta situación que vivimos sen ter un regulamento para os plenos, que levamos anos pedindo; incluso co apoio, en varios informes, da Valedoría do Pobo”, sinala o grupo nacionalista.

O BNG insiste en que a falta dun regulamento que ordene o funcionamento das sesións, xunto coa exclusión de iniciativas da oposición, dificulta o debate democrático e a participación dos distintos grupos nas decisións municipais. A formación lamenta que unha situación que considera prolongada no tempo volva impedir que se discutan propostas sobre cuestións que afectan directamente á veciñanza de Outeiro de Rei

Rogos e preguntas do PSOE

Na quenda final, o equipo de goberno respondeu a dous rogos e a unha pregunta formulada polo PSOE.

Entre os asuntos expostos, o grupo socialista reclamou unha mellora dos contedores de residuos, fa-cendo referencia á súa suficiencia, ao estado de conservación e á necesidade de modernización, así como á súa substitución, revisión e sinalización.

O equipo de goberno respondeu que os contedores se atopan en bo estado e explicou que, cando presentan deterioracións, tanto os veciños como os propios servizos de recollida poden comunicar a incidencia para proceder á súa revisión.

Neste punto, o alcalde destacou a aposta do Concello pola mellora da xestión dos residuos, sinalando que Outeiro de Rei foi pioneiro en Galicia na incorporación do contedor marrón, unha medida orientada a reducir as emisións e avanzar cara a unha xestión máis sostible. Tamén puxo en valor a renovación, un ano máis, da Bandeira Verde e a dispoñibilidade do servizo de recollida de aceite usado.

Por último, o PSOE preguntou que medidas adoptara o Concello para axudar a Ceuta, máis alá da colocación de bandeiras na casa consistorial. O equipo de goberno respondeu que a capacidade económica municipal non permite ofrecer outro tipo de axuda, máis alá do apoio moral e institucional, e reiterou a súa solidariedade coa situación que atravesa o territorio ademais de comprometerse a manter as bandeiras ata que o último invasor abandone Ceuta.

0.16865611076355