O BNG de Outeiro de Rei pelexará no pleno porque se debatan as dúas mocións que presentou

O Grupo Municipal do BNG de Outeiro de Rei presentará no pleno municipal deste xoves dúas mocións centradas na política fiscal e no acceso á vivenda. Porén, só a iniciativa relativa ao Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) figura inicialmente na orde do día, malia que ambas propostas foron rexistradas en tempo e forma e de maneira consecutiva.
A formación nacionalista considera que esta decisión limita a capacidade de actuación da oposición e lembra que unha sentenza do Tribunal Supremo do 9 de abril establece que a Alcaldía non pode restrinxir artificialmente o número de mocións que os grupos da oposición poden incorporar á orde do día. Segundo o BNG, esta limitación podería reducir a súa capacidade para presentar propostas a seis ao ano.
Ademais, o grupo denuncia que á súa concelleira tamén se lle negou a palabra na sesión informativa previa ao pleno. Por este motivo, reclamará durante a sesión a inclusión e o debate da segunda moción, centrada na situación da vivenda no municipio.
O BNG reclama unha revisión da fiscalidade municipal
A moción que si figura na orde do día propón revisar a normativa municipal do IBI para introducir bonificacións fiscais, corrixir posibles cobros indebidos e actualizar a ordenanza. O BNG considera que a fiscalidade actual é "obsoleta e inxusta" e critica que o imposto aplicado aos terreos rústicos de Outeiro de Rei se sitúe entre os máis elevados da contorna.
A formación lembra que xa propuxera en 2023 bonificacións para as instalacións de autoconsumo eléctrico e que tamén defendeu unha rebaixa do imposto para os terreos rústicos e as propiedades situadas nas parroquias rurais. Neste sentido, cuestiona que a veciñanza de lugares como Aspai, Candai ou San Tomé teña que pagar a mesma porcentaxe que as persoas residentes no centro da vila ou en zonas con maior dispoñibilidade de servizos.
Os nacionalistas tamén critican os incrementos fiscais aplicados nos últimos anos, entre eles a suba do 11 % do IBI en 2023 e os aumentos das taxas da auga e do lixo en 2025.
Entre os acordos que propón a moción figura que o Concello avalíe cantas persoas están pagando o IBI urbano por terreos que non reúnen as condicións necesarias para ter esa consideración. De detectarse cobros indebidos, o BNG reclama que se devolvan os importes de oficio, xunto cos intereses correspondentes.
A iniciativa tamén inclúe bonificacións para as instalacións de autoconsumo eléctrico, os puntos de recarga de vehículos eléctricos e os inmobles destinados a explotacións agrícolas ou gandeiras. Así mesmo, propón modernizar a ordenanza fiscal e actualizar a terminoloxía empregada, substituíndo expresións como "minusvalía" por "discapacidade".
Unha segunda moción para impulsar a vivenda protexida
A segunda iniciativa, cuxo debate o BNG reclamará durante o pleno, céntrase na falta de vivenda accesible e protexida en Outeiro de Rei. A formación considera que o acceso a un fogar é "unha das principais preocupacións sociais", especialmente para a mocidade, as familias traballadoras e as persoas con rendas medias.
Segundo os datos que, asegura, lle trasladou o Observatorio da Vivenda da Xunta, en Outeiro de Rei rexistráronse menos de seis fianzas de alugueiro legal nos anos 2025 e 2026. Para o BNG, esta cifra apunta a unha oferta moi limitada de vivendas en arrendamento ou á existencia dun mercado irregular significativo.
A formación tamén critica a falta de iniciativas municipais para ampliar o parque de vivenda pública, impulsar axudas á rehabilitación e recuperar proxectos pendentes, como o da Palloza.
Entre as medidas propostas figura que o Concello adquira terreos ou os poña á disposición da Xunta para construír vivendas de protección oficial en réxime de alugueiro. A moción tamén reclama urbanizar a zona da Palloza para recuperar o proxecto de vivenda pública previsto e aplicar unha recarga de ata o 150 % no IBI ás vivendas desocupadas que estean en condicións de incorporarse ao mercado do alugueiro.
Ademais, o BNG propón crear un rexistro municipal de vivendas de uso turístico e garantir que estas cumpran as taxas e as normas de seguridade que correspondan aos negocios hostaleiros.
A formación nacionalista defende que Outeiro de Rei precisa unha planificación a medio e longo prazo que facilite a emancipación da mocidade no propio municipio e evite que as persoas que marchan estudar fóra non regresen por falta de oportunidades residenciais.
Por iso, considera que a vivenda debe ocupar "un lugar central" nas políticas locais e insiste en que reclamará o debate da súa proposta no pleno, malia que non foi incluída inicialmente na orde do día.