O BNG de Palas de Rei pide frear o crecemento descontrolado dos aloxamentos turísticos

LugoXa
Os nacionalistas apostan por ordenar o desenvolvemento do sector e reclaman máis vivenda residencial para a poboación local
Ruben-Lois-BNG-Palas-de-Rei
6 Aug 2026

O BNG de Palas de Rei avogou por unha xestión “razoable e sostible” da actividade turística no municipio e advertiu dos riscos derivados do crecemento continuado da oferta de aloxamentos. A formación considera que o turismo vinculado ao Camiño de Santiago é un motor económico fundamental para o concello, pero defende a necesidade de establecer límites que garantan un desenvolvemento equilibrado.

O responsábel local do BNG, Rubén Lois, destacou que Palas de Rei se converteu nun dos principais destinos do Camiño de Santiago grazas ao valor da súa paisaxe, do patrimonio e do territorio. Con todo, mostrou a súa preocupación polo incremento das prazas de aloxamento turístico producido nos últimos anos, unha situación que, ao seu xuízo, se desenvolveu sen a suficiente planificación por parte do goberno municipal.

Segundo sinalou, un concello de arredor de 3.400 habitantes conta xa con máis de 2.000 camas turísticas, unha cifra que, para os nacionalistas, debe ser analizada con cautela. O BNG asegura que apoia a actividade dos hoteis, albergues, pensións e apartamentos turísticos que cumpren coa normativa e contribúen á economía local, pero cuestiona a proliferación de novos proxectos impulsados por investidores alleos ao municipio e orientados unicamente á rendibilidade económica.

A formación tamén critica a falta de control sobre determinados establecementos e considera necesario reforzar as inspeccións para garantir que todos os aloxamentos cumpran cos requisitos legais e cos estándares de calidade esixibles.

Entre as medidas propostas, o BNG aposta por avanzar cara a un escenario de “crecemento cero” das prazas turísticas, de maneira que a apertura de novos establecementos estea condicionada ao peche doutros xa existentes. Ademais, reclama a retirada do mercado daqueles aloxamentos que non se adapten á normativa, seguindo modelos aplicados noutras cidades como Santiago de Compostela.

Os nacionalistas tamén vinculan o aumento da presión turística coa dificultade de acceso á vivenda. Neste sentido, defenden a necesidade de ampliar a oferta de vivendas residenciais para facilitar que os traballadores poidan vivir no municipio e evitar que se vexan obrigados a trasladarse a localidades próximas como Monterroso ou Melide.

Rubén Lois sostén que a mellora do espazo público, da paisaxe e da calidade de vida no concello contribuiría a que os peregrinos prolongasen a súa estadía e incrementasen o seu gasto no municipio. Por iso, considera que limitar o crecemento descontrolado dos aloxamentos turísticos debe ser un dos primeiros pasos para garantir un modelo sostible.

O responsábel local do BNG concluíu mostrando a disposición da formación a participar nun amplo consenso social e político para ordenar e cualificar a actividade turística en Palas de Rei, recoñecendo o seu papel na xeración de riqueza e na mellora da calidade de vida da veciñanza.

0.13067388534546