O BNG de Pol organizou unha charla sobre as novas oportunidades do sector forestal e o mercado do carbono

O Bloque Nacionalista Galego de Pol organizou este venres, no Bar O Recuncho de Novo de Rioxoán, unha charla informativa baixo o título “Novas oportunidades no sector forestal: o mercado do carbono CO₂”, que contou coa participación da deputada do BNG, Montse Valcárcel e a portavoz municipal Branca Fernández
A charla abordou cuestións prácticas como o significado dun crédito de carbono, os tipos de proxectos forestais que poden encaixar no sistema galego. Tamén se explicaron os límites e cautelas que cómpre ter en conta, xa que se trata dun mercado en desenvolvemento que pode xerar oportunidades complementarias, pero que require rigor, boa xestión forestal e dimensión suficiente dos proxectos para resultar viable.
A charla ofreceu información útil e comprensible para todos os públicos, desde persoas sen coñecementos previos ata quen xa segue de preto a evolución do sector forestal e das políticas climáticas. O obxectivo foi contribuír a un debate informado sobre como converter a boa xestión do monte nun recurso económico complementario, sempre desde unha visión realista, ligada á sustentabilidade, á prevención de incendios e á creación de valor engadido no propio territorio.