O BNG demanda un compromiso da Xunta coa veciñanza de reapertura do consultorio de Doiras

LugoXa
“Seguiremos apoiando á veciñanza e levando esta cuestión ao Parlamento Galego, porque é un dereito fundamental poder ter asistencia sanitaria", sostivo Olalla Rodil
concentración-cervantes-reapertura-centro-doiras
30 Out 2024

O Bloque Nacionalista Galego, a través da súa deputada no Parlamento Galego, Olalla Rodil, denuncia unha vez máis as mentiras do PP e da Consellaría de Sanidade pois volveron deixar ao consultorio de Doiras, en Cervantes, sen médico e sen previo aviso.

A veciñanza de Doiras deixou de manifesto o seu descontento polas mentiras do PP en multiples ocasións, e unha vez máis "ve como lle toman o pelo. Solicitóuselle á conselleira a reposición a tempo completo da praza de médico e fixo o que lle pareceu”, explica a deputada.

Así, explica que é "o segundo día que se atopan sen médico no consultorio e sen aviso anterior para poder organizarse". E sostén que "desprazarse nos Ancares non é o mesmo que nunha cidade; teñen 20 km a través de estradas de montaña”, expón Olalla.

Ademais, as persoas maiores "precisan organización para desprazarse, xa que ou ven teñen que contar con familiares ou con outros veciños e chegan ao centro de saúde e teñen que dar volta e isto é moi pouco serio por parte da Consellaría de  Sanidade”, denuncia Rodil.

Dende o BNG demandan un compromiso coa veciñanza de reapertura deste consultorio xa, tal é como mantivo o PP a principios de xullo, "pois defendemos a sanidade pública de todo o país, especialmente o da zona da montaña lucense, pois supón unha merma na calidade asistencial dos concellos da montaña nunha zona xeográficamente moi extensa e na que as distancias se multiplican por razóns orográficas".

E concluíu dicindo que “seguiremos apoiando á veciñanza e levando esta cuestión ao Parlamento Galego, porque é un dereito fundamental poder ter asistencia sanitaria preto do teu domicilio, porque é de xustiza social e é un dereito fundamental que non nos poden roubar”, sentenciou Olalla Rodil.

0.20189809799194