O BNG denuncia a ausencia de decreto previo nas festas da Piringalla e o Concello asegura que está feito

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, asegurou que as Festas da Piringalla comezaron sen o correspondente decreto que autoriza legalmente a súa celebración, unha situación que cualificou de “preocupante” e que, ao seu xuízo, podería implicar responsabilidades administrativas en caso de incidentes.
Arroxo afirmou que o evento arrancou mentres as atraccións xa estaban en funcionamento sen que se fixese efectiva a sinatura do decreto de autorización, e pediu explicacións ao goberno local presidido por Elena Candia sobre se se está a permitir a celebración de festas “por vía administrativa ou de palabra”.
O portavoz nacionalista lembrou que durante os últimos anos estivo á fronte da área de Mobilidade, desde onde se tramitaban este tipo de autorizacións mediante informe técnico previo e posterior decreto, especialmente no caso de eventos na vía pública que requiren regulación de espazos e medidas de seguridade.
Neste sentido, advertiu de que unha tramitación incorrecta pode xerar problemas legais e puxo como exemplo o accidente ocorrido en Vigo en 2024, que volveu ser mencionado estes días no debate público. Arroxo tamén criticou a actitude da actual alcaldesa durante o anterior mandato, asegurando que cuestionaba con frecuencia a xestión das autorizacións de festas e agora, segundo sinalou, a primeira celebración do novo goberno comezaría sen os permisos correctamente formalizados.
O portavoz do BNG indicou ademais que durante os últimos sete anos todas as festas celebradas na cidade contaron co decreto de autorización antes do seu inicio, coa excepción da festa do Casiñeiro en 2024, que non puido celebrarse por problemas de documentación da comisión organizadora.
Pola súa parte, desde o Concello de Lugo aseguraron que si existía o decreto de autorización, publicado o xoves 14 de maio, no que se recolle a celebración das “Festas na honra a San Isidro no barrio da Piringalla” entre o 14 e o 18 de maio de 2026 na contorna da rúa Poeta Manuel María.
Segundo explican, o documento inclúe un informe de condicións de tráfico e seguridade para permitir a ocupación da vía pública en condicións axeitadas, así como a realización de cortes de tráfico en varios puntos das rúas afectadas para garantir a seguridade de organización, participantes e usuarios da zona.