O BNG denuncia a desaparición da Axenda Cultural semanal do Concello de Lugo

LugoXa
Pola súa parte, desde o Concello de Lugo sosteñen que "é falso que desapareza a Axenda Cultural semanal municipal"
Maite-Ferreiro-e-Rubén-Arroxo-BNG-Lugo
14 May 2026

O BNG de Lugo denunciou a desaparición da Axenda Cultural elaborada pola antiga área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, unha ferramenta que permitía á veciñanza coñecer semanalmente toda a programación cultural impulsada no municipio dunha maneira clara e accesible.

O portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, asegurou que “a primeira medida do novo goberno foi retirar a bandeira palestina do Vello Cárcere, a segunda eliminar a área de Promoción da Lingua Galega e agora fan desaparecer tamén a Axenda Cultural semanal”. Segundo indicou, “todas as medidas que está tomando o actual goberno evidencian unha vontade clara de eliminar iniciativas impulsadas no anterior mandato, mesmo cando eran útiles e estaban amplamente valoradas pola cidadanía”.

Arroxo lamentou que o novo executivo municipal decidise prescindir “dunha ferramenta útil e consolidada” que, segundo explicou, achegaba cada semana ás lucenses e aos lucenses toda a actividade cultural programada polo Concello.

Desde o BNG lembraron que a área de Cultura desenvolveu durante os últimos anos “unha programación variada, descentralizada e pensada para todos os públicos”, convertendo a cidade nun referente cultural grazas á programación nos barrios, ás actividades infantís, concertos, representacións teatrais, exposicións e iniciativas de promoción da lingua galega.

“O acceso á información cultural tamén é fundamental para garantir que a veciñanza poida participar activamente da vida cultural da cidade”, afirmou Rubén Arroxo, quen advertiu de que deixar de enviar semanalmente esta axenda dificulta que moitas persoas coñezan a oferta cultural existente en Lugo.

O grupo nacionalista instou finalmente ao goberno local a recuperar esta ferramenta de difusión cultural e a manter unha comunicación “útil, próxima e constante” coa cidadanía arredor da programación municipal.

Pola súa parte, desde o Concello de Lugo sosteñen que "é falso que desapareza a Axenda Cultural semanal municipal". Así, explican que "o actual goberno tomou posesión o pasado xoves 7 de maio e a publicación correspondente ao venres non puido realizarse porque a ferramenta viña sendo xestionada directamente desde o ámbito político da anterior Concellería, sen que se facilitase ao novo executivo nin ao persoal municipal o acceso aos modelos, contidos e procedementos necesarios para garantir a súa continuidade inmediata".

Por iso, explican que "nestes primeiros días foi preciso reconstruír a plantilla de traballo e recuperar a información necesaria para retomar esta publicación con normalidade; polo que está en disposición de confirmar que a Axenda Cultural volverá publicarse mañá".

Con todo, defenden que "o novo goberno municipal reitera ademais o seu compromiso coa actividade cultural da cidade, coa difusión en galego da programación municipal e co acceso da cidadanía á información cultural de maneira próxima, útil e continuada".

0.078472852706909