O BNG denuncia a falta de médicos no centro de saúde de Castroverde tras a xubilación dunha profesional

LugoXa
Iria Castro reclama á Xunta que cubra de inmediato a praza e alerta de que a única médica que queda debe asumir os dous cupos do municipio
concentración-sanidade-Castroverde-BNG
4 Nov 2026

O BNG denuncia o deterioro da atención sanitaria no centro de saúde de Castroverde, onde a xubilación a semana pasada dunha das dúas profesionais de medicina familiar deixou unha única médica para atender os dous cupos do municipio, que conta con case 2.500 habitantes.

A formación critica que, malia anunciarse que a praza se cubrirá de maneira puntual durante catro horas, esta medida non compensa o incremento da carga asistencial nin garante unha atención adecuada á veciñanza. Ademais, alerta de que non se están cubrindo as vacacións nin as baixas dos médicos de familia e que, cando falta o pediatra, tampouco se substitúe, o que obriga as familias a desprazarse ata o HULA.

A representante do BNG Iria Castro sinalou que esta situación vén de lonxe e lembrou que en 2010 se retirou a ambulancia medicalizada, posteriormente eliminouse unha das tres prazas médicas existentes e, nos últimos tres anos, a formación denuncia unha falta de cobertura das baixas por parte do Goberno do PP.

O BNG considera que esta situación é incompatible co compromiso de garantir os servizos públicos no rural, especialmente cando a Xunta está a preparar os orzamentos para 2027. Por iso, reclama á Consellería de Sanidade que cubra de inmediato a praza da profesional xubilada e deixe de reducir os recursos sanitarios no municipio.

0.15518116950989