O BNG denuncia a praza de médico sen cubrir no centro de saúde de Ribeira de Piquín
A deputada do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, presentou no Parlamento unha batería de iniciativas para esixirlle á Xunta de Galiza unha asistencia médica a tempo completo no concello da Ribeira de Piquín. Hai anos que a asistencia sanitaria no Concello da Ribeira de Piquín non se garante como corresponde, asegura. De feito, a praza de facultativo non está cuberta, logo do falecemento da persoa titular, senón que, algúns días, pasa consulta persoal médico procedente dos servizos de PAC doutros concellos –nomeadamente da Fonsagrada-- mais nin sequera todas as semanas.
“Esta situación supón unha vulneración do dereito á saúde da poboación da Ribeira de Piquín”, cuxo centro de saúde debe prestar atención de luns a venres entre as 8h e as 15h garantindo unha asistencia próxima e da máxima calidade. Porén, a maior parte das semanas, se hai médico, só pasa consulta dous días. Ribeira de Piquín é un concello de 492 habitantes dos cales 212 teñen máis de 65 anos. Asemade, a dispersión dos núcleos de poboación, repartidos en cinco parroquias, obriga a desprazarse longas distancias en vehículo particular para acudir ao centro de saúde.
“A ausencia de médico no propio concello fai que a veciñanza deba acudir ao PAC de Meira para poder recibir atención médica” explica a deputada nacionalista. Para o Bloque Nacionalista Galego é inadmisible que o SERGAS non ofertase a praza da Ribeira de Piquín como vacante permitindo que persoal médico que así o desexe poida cubrila de maneira permanente e que manteña nunha situación tan precaria a atención médica deste concello, por iso “exixímoslle ao goberno do PP que de forma inmediata oferte a praza vacante neste concello, porque a sanidade pública é un dereito, residas onde residas”, rematou Olalla.