O BNG denuncia o abandono dos colexios públicos de Lugo e reclama que se reparen as súas deficiencias

A concelleira do BNG en Lugo, Iria Buide, denunciou o estado de abandono dalgúns centros educativos públicos da cidade e reclamou que se acometan as obras necesarias para solucionar as súas deficiencias. A edil sinalou que tanto o Concello como a Xunta deben asumir as actuacións que lles corresponden en función das súas competencias e da magnitude das reparacións.
"O Concello ten que facerse cargo do mantemento dos colexios e constános que nalgún mesmo hai goteiras", afirmou Buide. O BNG urxiu as administracións responsables a executar as obras pendentes e defendeu que o Concello debe seguir asumindo as reparacións necesarias, como facía antes de que, segundo a formación nacionalista, o PP relegase o ensino público.
Por outra banda, o BNG fíxose eco das queixas de distintas ANPAS pola falta de rigor do Concello na convocatoria do Consello Escolar Municipal. Segundo explicou Buide, nalgúns casos o aviso enviouse fóra de prazo, o que impediu ás asociacións presentar propostas para incluír asuntos na orde do día.
Esta situación, advertiu a concelleira, limita a participación das ANPAS, que quedan reducidas a formular preguntas e presentar rogos ao Goberno municipal, sen posibilidade de propoñer temas de interese para o seu debate no órgano educativo.