O BNG denuncia que Lugo paga máis de 1,6 millóns ao ano polo Canon da Auga sen investimentos da Xunta

O Concello de Lugo vén de autorizar o pagamento de 414.060,84 euros a Augas de Galicia en concepto do Canon da Auga correspondente aos meses de maio, xuño, xullo e agosto. Ante este desembolso, a concelleira do BNG Cristina López denunciou o que cualifica como "nulo retorno" desta taxa para a cidade e reclamou á Xunta investimentos nas infraestruturas relacionadas co ciclo da auga.
López sinalou que o Concello de Lugo achega cada ano máis de 1,6 millóns de euros por este concepto sen que, segundo os nacionalistas, exista un retorno equivalente en forma de actuacións para mellorar as instalacións municipais. "Cada ano as e os lucenses pagamos máis de 1,6 millóns de euros á Xunta sen que recibamos ningún investimento para avanzar na mellora das instalacións relacionadas coa auga", afirmou.
Desde o BNG consideran que estes recursos poderían contribuír a ampliar as redes de saneamento e abastecemento no rural lucense, unha reivindicación que, segundo a formación, se mantén desde hai anos por parte das persoas residentes nos diferentes núcleos do municipio.
"O Goberno galego ten que investir na cidade e non só recaudar", sinalou Cristina López. Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, lembrou que a Xunta destinou nos últimos anos recursos procedentes desta taxa a actuacións noutros concellos, mentres que, segundo denuncia, Lugo leva anos realizando achegas sen recibir investimentos equivalentes.
Os nacionalistas reclaman así unha maior coordinación entre a Xunta e o Concello para que Lugo poida recibir parte dos recursos asociados ao Canon da Auga e destinalos tanto á ampliación das redes de abastecemento e saneamento como ao mantemento das instalacións xa existentes.
Para Cristina López, estes investimentos permitirían "modernizar o ciclo da auga e dar resposta ás necesidades da veciñanza", ao tempo que contribuirían a mellorar os servizos relacionados co abastecemento e o saneamento no conxunto do municipio.