O BNG denuncia que o Parque de Rosalía se está a converter nun aparcadoiro tras o San Froilán

A concelleira do BNG en Lugo Maite Ferreiro reclamou ao goberno municipal que recupere os espazos peonís do Parque de Rosalía de Castro tras a retirada das casetas do polbo do San Froilán. A formación asegura que recibiu nos últimos días numerosas queixas veciñais pola presenza de vehículos estacionados nestes terreos, que considera espazos peonís e que, segundo denuncia, están a utilizarse como aparcadoiro sen ningún tipo de regulación.
"Tras as festas do San Froilán, Candia está a aplicar o modelo Mondoñedo nos terreos do Parque de Rosalía", criticou Ferreiro. A edil considera que a presenza continuada de coches evidencia a falta de actuación do goberno do PP para protexer unha zona verde e peonil que debería estar á disposición da cidadanía como espazo de lecer.
"O PP demostra unha gran falta de respecto por un espazo importantísimo para a cidade como o Parque de Rosalía", afirmou a concelleira nacionalista. Ferreiro advertiu de que esta situación afecta tanto ao uso cotián do parque como á súa función como lugar de encontro e convivencia, ademais do seu valor como patrimonio histórico e cultural de Lugo.
Ante esta situación, o BNG esixe ao executivo municipal que actúe con rapidez para retirar os vehículos, recuperar as condicións dos terreos e impedir que se consoliden usos alleos á natureza peonil do parque. A formación reclama que se garanta a conservación do Parque de Rosalía como un espazo público de calidade e destinado ao conxunto da veciñanza.