O BNG denuncia que o PP rexeitou sete emendas por catro millóns para Monterroso nos Orzamentos da Xunta

O BNG de Monterroso denunciou o rexeitamento do Partido Popular no Parlamento galego ás sete emendas presentadas pola formación nacionalista aos Orzamentos da Xunta para 2027, cunha contía conxunta de catro millóns de euros. Entre as principais actuacións propostas figuraban a modernización da estación depuradora municipal, a construción dunha residencia pública para persoas maiores e a creación dun parque infantil cuberto e unha pista multideporte.
O voceiro municipal do BNG, Brais Vázquez, cuestionou as prioridades do Goberno galego ao comparar os investimentos previstos para Monterroso cos destinados a outros concellos da contorna. Segundo sinalou, a Xunta contempla partidas para Portomarín, Palas de Rei, Friol ou Antas de Ulla, pero rexeitou actuacións que os nacionalistas consideran necesarias para atender as demandas da veciñanza de Monterroso.
Un dos exemplos que destacou foi o saneamento. Mentres os Orzamentos autonómicos recollen 2,5 millóns de euros para saneamento e depuración en Portomarín, o PP votou en contra dunha emenda pola mesma contía para modernizar a depuradora de Monterroso. Tamén rexeitou outra proposta de 250.000 euros para ampliar a rede de sumidoiros ás parroquias rurais. Vázquez criticou que, malia o incremento anunciado do 42 % nos investimentos en augas na provincia de Lugo, non se atendan estas necesidades no municipio.
Outra das demandas era a construción dunha residencia pública para maiores, para a que o BNG propoñía unha partida inicial de 500.000 euros destinada á redacción do proxecto e ao inicio das obras. Vázquez lembrou que arredor do 30 % da poboación de Monterroso supera os 65 anos e defendeu a necesidade de contar cun recurso que permita ás persoas maiores recibir atención e coidados no seu propio concello, preto das súas familias e da súa contorna.
A terceira actuación destacada era un parque infantil cuberto e unha pista multideporte, cun investimento solicitado de 150.000 euros. O BNG considera que estas instalacións ampliarían os espazos públicos para a infancia e a mocidade e permitirían practicar actividades ao aire libre tamén durante os meses de frío e choiva.
A formación nacionalista enmarcou o rexeitamento das emendas nun reparto dos investimentos autonómicos que considera desfavorable para Monterroso. Como exemplos, citou as partidas para ampliar o parque empresarial de Palas de Rei, os dous millóns de euros previstos para a estrada LU-231, entre Palas, Friol e Begonte, e as actuacións no centro de saúde de Antas de Ulla. Vázquez aclarou que o BNG non cuestiona estes investimentos nos municipios veciños, pero reclama que Monterroso reciba tamén recursos acordes coas súas necesidades.
O voceiro nacionalista cuestionou igualmente a posición do Goberno local do PP e reclamou unha maior implicación do alcalde na demanda de financiamento autonómico para o municipio. Neste sentido, preguntou que xestións está realizando ante a Xunta para conseguir fondos destinados á depuradora, á residencia pública e aos equipamentos para a infancia.
As sete emendas do BNG incluían tamén propostas para crear un viveiro industrial público, mellorar a seguridade peonil nas estradas autonómicas e impulsar un plan de vivenda pública en alugueiro e de rehabilitación rural. Vázquez reclamou que tanto a Xunta como o Goberno municipal teñan en conta estas iniciativas e defendeu que Monterroso debe recibir investimentos para atender as necesidades dos seus servizos e infraestruturas.