O BNG destaca o apoio da Deputación para renovar o céspede do campo de fútbol de Becerreá

LugoXa
Os nacionalistas subliñan que a achega provincial de 220.000 euros permitirá modernizar unha instalación clave para o deporte base do municipio
BNG-campo-de-fútbol-Becerreá
13 Jul 2026

O BNG de Becerreá amosou a súa satisfacción tras a aprobación do convenio entre a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o Concello que fará posible a renovación do céspede do campo municipal de fútbol. A actuación contará cun financiamento provincial de 220.000 euros, destinado á mellora dunha infraestrutura deportiva utilizada por numerosos equipos e deportistas do municipio.

O portavoz nacionalista en Becerreá, Martín Gómez, asegurou que este investimento é froito do traballo conxunto desenvolvido polo grupo municipal do BNG e a Vicepresidencia da Deputación, defendendo que a cooperación entre administracións resulta fundamental para impulsar proxectos que respondan ás necesidades dos concellos.

Segundo explicou, a substitución do céspede era unha actuación moi demandada para garantir que a SD Becerreá e as categorías de base poidan desenvolver a súa actividade en condicións axeitadas durante todo o ano. Gómez incidiu en que unha obra destas características supón un importante esforzo económico, difícil de afrontar unicamente cos recursos municipais, polo que cualificou de esencial o apoio económico da institución provincial.

O portavoz tamén puxo en valor o compromiso do vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, coa mellora das instalacións deportivas do rural, sinalando que este tipo de colaboración permite que os investimentos públicos cheguen a municipios con menor capacidade financeira.

Para rematar, Martín Gómez afirmou que este convenio exemplifica a forma de traballar do BNG, baseada, segundo indicou, en manter contacto coa veciñanza, promover a colaboración institucional e impulsar actuacións que contribúan tanto á práctica deportiva como á mellora dos servizos públicos en Becerreá.

0.11575484275818