O BNG do Corgo denuncia a acumulación de lixo nos contedores da capitalidade

O BNG do Corgo denuncia a acumulación de lixo e residuos nos contedores situados na vía principal da capitalidade, unha situación que, segundo a formación, se repite de maneira habitual e que xa foi trasladada ao pleno municipal en diferentes ocasións.
A portavoz nacionalista, Pilar Bellón, asegura que non se trata dun feito illado, senón dun problema recorrente ao que o Concello non tería dado solución. Segundo explica, os contedores aparecen en ocasións desbordados, con residuos depositados no seu exterior e restos de obras que, segundo o BNG, non deberían ser introducidos nos colectores destinados aos residuos orgánicos.
Ante esta situación, a formación propón a instalación de paneis informativos que indiquen a prohibición de depositar este tipo de residuos nos contedores e que advirtan das posibles sancións económicas. O BNG tamén asegura que chegou a propoñer a colocación de cámaras na contorna para identificar as persoas que realizan estes depósitos.
Os nacionalistas critican que, segundo a súa versión, ningunha destas medidas foi aplicada polo Concello do Corgo. Como alternativa, consideran que unha das opcións máis sinxelas sería retirar os contedores situados nesta zona, especialmente pola súa accesibilidade para as persoas que, segundo denuncian, fan un uso incorrecto deles.
O BNG alerta ademais de que os colectores están próximos a vivendas da capitalidade, polo que a acumulación de residuos estaría provocando molestias entre a veciñanza, como malos cheiros e unha situación que cualifican de insalubre, ademais da presenza de roedores.
A formación nacionalista reclama así ao Goberno local que adopte medidas para mellorar a xestión dos residuos e evitar que esta situación se repita na vía principal da capitalidade.